Los Secretos e Astarot actuarán na Festa da Ameixa de Campelo
Por Oskar Viéitez
Ainda será no mes de setembro, pero a Concellaría de Turismo do Concello de Poio informa xa sobre os preparativos que se están realizando de cara á próxima edición da Festa da Ameixa de Campelo. Trabállase xa no programa dunha edición moi especial da Festa da Ameixa de Campelo, o cumprir este evento 30 anos de celebración.
Para esta ocasión Xosé Lois Martínez, edil de Turismo, ten intención de confeccionar un programa de actividades máis extenso que abranguerá do 8 ata o 17 de setembro
Para as noites dos días 8 e 9 de setembro, a Concellaría de Turismo ten programados dous "macroconcertos" na Praza da Granxa de Campelo.
Neste sentido, adiantan que para sábado 9 de setembro, xa están pechadas as actuacións dos grupos "Los Secretos" e "Astarot", quedando aínda por pechar o concerto para a noite do venres 8 de setembro, concerto que correrá a cargo dun grupo de "gran recoñecemento internacional".
No seguinte fin de semana, a festa dará comezo o venres pola tarde cos actos de homenaxe ás mariscadoras das tres confrarías da Ría de Pontevedra xubiladas no pasado ano.
O mediodía do sábado 15 de setembro quedará inaugurada a carpa de degustación na Praza da Granxa. Nesta carpa, durante toda a fin de semana, os veciños e visitantes que se acheguen ata Campelo, poderán degustar as deliciosas ameixas da ría preparadas coma sempre, de tres diferentes maneiras, á mariñeira, con fideos e fabas.
Durante todo esa fin de semana a localidade de Campelo contará cun "amplo programa de actuacións musicais e de folclore tradicional galego" dentro da carpa gastronómica habilitada na Praza da Granxa.
Por último, o Concello aínda traballa en máis actividades para celebrar "do xeito que se merece" unha das festas máis consolidadas e recoñecidas do municipio.
Relacionadas:
-
Poio recupera o Festival da Ameixa con Milladoiro, Los Secretos e Astarot
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Poio convoca un concurso de fotografía con motivo da trixésima Festa da Ameixa
Por Redacción |
-
Poio pon data á Festa do Mar e á Festa da Ameixa
Por Redacción |
-
A Festa da Ameixa supera todas as previsións
Por Redacción |