Detido un empregado dunha bocatería por roubar e provocar un incendio no local o martes de Entroido
Por Natalia Puga
A Policía Nacional detivo o presunto autor do incendio con roubo incluído na hamburguesería-bocatería Orange da rúa Joaquín Costa de Pontevedra o pasado martes de Entroido. Segundo indicaron fontes policiais, o detido era no momento do feitos empregado do local e acudiu ao mesmo cando estaba pechado, entrou por unha xanela, provocou un lume e roubou o diñeiro da caixa rexistradora.
Fontes oficiais da Comisaría Provincial indicaron que o detido é un veciño de Pontevedra de 24 anos con antecedentes policiais ao que se atribúen os delitos de roubo e incendio. Foi arrestado o 23 de marzo e, tras prestar declaración en dependencias policiais, foi posto a disposición xudicial.
Na noite do martes de Entroido, a Policía Nacional recibiu un aviso dun incendio neste local, próximo á Comisaría Provincial. Tras entrevistarse con algunhas testemuñas, os axentes puideron saber que viran unha persoa disfrazada que saltaba desde unha das xanelas do local e saía correndo. Pouco despois, viron saír fume do interior.
Froito dunha inspección ocular do lugar, os axentes atoparon algúns billetes nun lugar próximo á xanela que se lle caeron ao individuo ao saltar. Xa dentro do local, observaron que a caixa rexistradora atopábase aberta e sen diñeiro.
Os bombeiros de Pontevedra acudiron para sufocar o lume e, ao terminar o seu traballo, os policías comprobaron que con toda probabilidade orixinouse no ferro da cociña.
Froito das investigacións realizadas, puideron identificar e localizar ao suposto autor, que aquel día cometeu o roubo levando un disfrace dun animal.