Augas de Galicia estudará mellorar o saneamento en tres lugares de Cotobade
Por Redacción
Segue a avanzar o proxecto para a mellora da rede municipal de saneamento nos lugares de Dorna e Vila de Abaixo, ambos situados na parroquia de Santa María de Sacos, e na Longa, en San Xurxo de Sacos. Augas de Galicia está a estudar as propostas que lles trasladou a comisión xestora do Concello de Cerdedo-Cotobade.
Así llo comunicaron a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, ao presidente e vicepresidente da comisión xestora, Jorge Cubela e José Balseiros, durante un encontro que mantiveron en Santiago.
No transcurso da reunión, os representantes locais trasladaron á conselleira as necesidades do concello en materia de saneamento, quen sinalaron como prioritarias as actuacións que se pretenden realizar nas zonas rurais e que suporían unha mellora da calidade de vida dos veciños e do entorno.
Ademais, a conselleira comprometeuse a estudar novas vías de colaboración co municipio para o acondicionamento e revalorización de zonas de uso común e lecer como é a praza do concello, situada en Cerdedo.