Posta a punto do sendeiro de Cabo Udra para reforzar o seu atractivo turístico
Por Redacción
Ata 11.000 euros investiron o Concello de Bueu e a Deputación de Pontevedra nunha serie de actuacións de mellora do sendeiro azul de Cabo Udra, un dos maiores atractivos turísticos e naturais do municipio.
A actuación foi executada pola empresa Ecoplanin Xestión e Información Ambiental S.L. e consistiu no deseño, fabricación e colocación de mesas interpretativas en madeira tratada en diversas zonas.
Tal é o caso de Chan de Esqueiros, que na actualidade supón o punto máis común de entrada ao sendeiro, no que se destacaron os distintos valores e elementos patrimoniais que o integran, ademais dunha imaxe e descrición de cada un deles.
Outra das mesas incluíuse nun dos miradoiros naturais nos que se ofrece unha interpretación das augas protexidas circundantes a Cabo Udra e a relación íntima dos valores naturais cos do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.
No conxunto do patrimonio histórico-militar situouse unha mesa interpretativa na que se salienta este patrimonio, que abrangue desde a batería costeira de artillaría alí instalada durante a Guerra Civil española, e que conforma un dos escasos lugares desta índole que se conservan na costa galega.
A última das mesas ofrece a interpretación da paisaxe predominante na senda constituída por una matogueira atlántica con elementos termófilos e rica en elementos singulares de fauna, como una interesante poboación costeira de Timon lepidus e Caprimulgus europaeus.
Con esta sinalización e mellora nos paneis interpretativos, a concellaría busca cumprir un primeiro servizo de recepción e información aos visitantes que accedan ao espazo desde a senda, ao tempo que contribúe á ordenación espacial do medio protexido.