Forzáns cumpre coa súa cita anual: máis de 3.000 quilos de alimentos para o comedor de San Francisco
A asociación cultural de Forzáns cumpre coa súa cita anual co comedor de San Francisco con máis de 3.000 quilos de alimentos como xa leva facendo ao redor de 10 anos. Normalmente a entrega prodúcese polo mes de Nadal, sinala o pai prior do convento e responsable do comedor, Gonzalo Diéguez, pero segundo el o importante é que chegue. Con esta entrega teñen para todo o ano, aseguraba agradecido o encargado deste espazo de axuda a persoas necesitadas.
Malia que a crise está xa remitindo, no comedor notan, pola contra, que hai cada vez máis afluencia de visitantes, cunha media actual dunhas 130 persoas ao día. Trátase sobre todo de persoas maiores, pero no último mes e medio advirten tamén a presencia de moita xente nova, "persoas de entre 30 e 40 anos, xente de paso", sinala.
No comedor non fan ningún tipo de distinción, "el que entra por la puerta se sienta, come y se va". Está aberto todos os días agás domingo e ofrecen unha comida ao día, de dous pratos, máis café e sobremesa. Despois, segundo o pai Gonzalo, lévanse a casa bocatas, iogures e fruta para cear ou merendar.
Actualmente, contan con entre 15 e 20 voluntarios, sen os que "no sería posible llevar adelante el comedor". Hai moitas formas de colaborar, entre elas como voluntario, ou ben contribuíndo nos petos da Igrexa con esmola para as persoas sen recursos, ou mesmo por medio de donativos particulares.
Por outro lado, contan coa axuda de comercios como Froiz, que ao igual que a asociación cultural de Forzáns do concello de Ponte Caldelas contribúen desinteresadamente "para ofrecer a los más necesitados un alimento abundante y saludable para que puedan seguir adelante", concluía o máximo responsable do comedor social.
Relacionadas:
-
Veciños de Forzáns entregan tres toneladas de alimentos ao comedor de San Francisco
Por Redacción |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: Sumando solidariedade tamén en Nadal
Por Marisa Ciordia |
-
A cantar solidariamente polo comedor de San Francisco
Por Mónica Patxot |
-
Tres toneladas de alimentos para o comedor franciscano