Veciños de Forzáns entregan tres toneladas de alimentos ao comedor de San Francisco
Por Redacción
Alimentos menos accesibles ás doazóns pero imprescindibles para alimentar correctamente aos usuarios do comedor social de San Francisco. É o xesto solidario que protagonizaron membros da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns, que entregaron preto de 3.000 quilos de alimentos de todo tipo.
Así, aceite de oliva e xirasol, barras de fiambre como chourizo, xamón, salchichón, mortadela e queixo ou tamén patacas, entre outros, foron os alimentos que chegaron aos estantes do almacén do comedor.
En San Francisco foron recibidos amablemente polo padre prior, Gonzalo Diéguez, e varios voluntarios que botaban en falla a chegada do cargamento de Forzáns que, nesta ocasión, se atrasou ata o mes de abril, segundo o coordinador desta actuación solidaria, Francisco Lira, por cuestións de saúde que afortunadamente xa están solucionadas.
En canto ás persoas que se beneficiarán destes alimentos, o prior manifestou que "serán todas aquelas persoas que se achegan á nosa mesa", porque sinalou que "nós non lle requirimos nada, nin carné de identidade, nin ningunha outra cousa e todas as persoas que o demanden son dignas de sentarse na nosa mesa".
"Por desgraza son cada vez máis persoas ás que acoden a nós. Servimos entre 130 e 150 comidas diarias", recoñeceu o prior.
Nesta ocasión, os veciños de Forzáns deixaron parte dos alimentos recadados nas dependencias que Cáritas de Ponte Caldelas ten nas inmediacións da igrexa de Santa Baia como xeito de colaborar tamén con aquelas persoas do municipio que precisen da atención alimenticia a través dos programas sociais que desenvolve esta ONG.
Na campaña solidaria, que se remonta a máis dunha década no tempo, participaron veciños de Forzáns e outras zonas limítrofes dos concellos de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos de Montes.
Relacionadas:
-
Apenas catro frades manteñen con vida o convento de San Francisco
Por Oskar Viéitez |
-
O arrecendo dos callos faise notar en Forzáns
Por Redacción |
-
Aje Pontevedra entrega ao Comedor de San Francisco a recadación do seu calendario solidario
Por Oskar Viéitez |
-
"Non todo van ser protestas na rúa", os traballadores de Elnosa entregan alimentos ao Comedor de San Francisco
Por Oskar Viéitez |
-
Forzáns cumpre coa súa cita anual: máis de 3.000 quilos de alimentos para o comedor de San Francisco
Por Sofía Fernández Fuentes & Mónica Patxot |