Portonovo ampliará o seu composteiro comunitario ante a implicación dos veciños
Por Redacción
Os seis módulos de compostaxe que se instalaron en Portonovo xa quedan escasos para dar tratar os restos orgánicos que depositan alí os veciños. Esta gran implicación social levou ao Concello de Sanxenxo a solicitar á Deputación de Pontevedra dúas novas unidades de compostaxe comunitaria para instalar no parque do Espiñeiro.
Segundo os datos que manexa o mestre composteiro asignado a Portonovo, o primeiro colector tardou 45 días en encherse, xa que en outubro e novembro os veciños achegaban pequenas achegas. Con todo, aos poucos os usuarios foron incrementándose, de maneira que a media de enchido dunha unidade está agora en 16 días.
Tras catro meses de funcionamento, o mestre composteiro asegura que os veciños teñen xa claro que materiais teñen cabida neste recipiente. "Chega todo perfectamente seleccionado, o cal é moi positivo", asegura.
Coral González-Haba, concelleira de Medio Ambiente, atribúe este nivel de concienciación ás charlas previas que realizou este departamento tratando de conseguir a maior implicación social posible con esta iniciativa.
Moitos dos que se achegan ao composteiro sorprendéronse do agradable cheiro que desprende unha vez que se levanta a tapa. E é que o mestre composteiro encárgase de esparcir follas de eucalipto sobre os restos orgánicos, que coa humidade e a calor do proceso aromatiza todo o recipiente.
O composteiro comunitario situado no Parque do Espiñeiro deu xa os seus froitos, repartindo hai tan só unhas semanas os primeiros 300 litros de compost entre os veciños de Portonovo.
Relacionadas:
-
Sogama dota a Sanxenxo con 30 novos composteiros
Por Redacción |
-
Reparten entre os veciños o compost producido polo módulo comunitario de Portonovo
Por Redacción |
-
Portonovo xa produce o seu propio compost
Por Redacción |
-
Os veciños de Portonovo súmanse á moda dos composteiros
Por Redacción |
-
98 veciños de Portonovo, 3 asociacións e 3 negocios adhírense á compostaxe comunitaria
Por Redacción |