"San Pedro de la Rasca" ou "Astutas", o BNG de Marín denuncia aberracións lingüísticas na web do Concello
Por Diego Espiño
San Pedro de la Rasca en lugar de San Pedro da Raña, Astutas en vez de Raposeiras ou Cruz del Manzano substituíndo a Cruz da Maceira. Son algúns dos exemplos da "aberración lingüistica" que o BNG de Marín denuncia na páxina web do Concello.
Segundo a voceira nacionalista, Pilar Blanco, a web municipal infrinxe de xeito ostentoso a Lei de Normalización Lingüística con respecto aos topónimos e mesmo a apelidos de persoas de referencia, "está claro que o goberno local gastou os cartos en contratar unha empresa e logo nin se molestou en revisar o contido para comprobar os erros".
Entre os termos aos que fai referencia o BNG encóntranse ademais Pino por Piñeiro ou Las Traviesas por As travesas, ao que hai que sumar as referencias a persoas en termos que Blanco considera "insultantes" como Tartamudo por Gago ou Zorro por Raposo, "estes termos inadmisibles reflicten o desleixo do goberno local polo uso da nosa lingua e unha falta total de respecto polas persoas".