O PP desvela que o Concello de Poio recadou o pasado ano 110.000 euros en multas de tráfico
Por Redacción
O PP de Poio informou este sábado das "altas cifras de recadación" do concello de Poio en multas de tráfico durante o ano pasado: 110.310,81 euros, case un 40% máis das previsións recollidas nese concepto nos orzamentos municipais, 80.000 euros.
Segundo explicou o voceiro popular, Ángel Moldes, esta discrepancia entre presupostos e ingresos é algo "demasiado habitual" xa que "sucede todos os anos", se ben no último exercicio o desfase, de máis de 30.000 euros, foi maior que noutras ocasións, así como a recadación total, a máis alta desde 2013.
Nos últimos catro anos, o concello de Poio recadou en multas máis de 450.000 euros, un 40% máis do recollido nos orzamentos municipais, o que deixa en evidencia, a xuízo de Moldes, "dúas cousas: o afán recadatorio e a falta de rigor das contas do Concello".
Segundo os datos de ingresos detallados, setembro foi o mes no que máis se recadou, con sancións por valor de case 15.966,88 euros, seguido de febreiro (12.555,53 euros), abril e novembro, con mais de 11.000 euros cada un.
Moldes recordou que, desde 2010, o Concello de Poio leva recadado case 700.000 euros en multas de tráfico, unha cantidade moi elevada e que contrasta coa falta de investimento en mobilidade e seguridade do goberno local.
Moldes recomendou ó bipartito "imitar" a outras administracións como a Dirección Xeral de Tráfico, que dan ás sancións de tráfico un destino finalista e pedíu que Poio tamén "reinvesta os ingresos por multas de tráfico en campañas de prevención e na mellora da seguridade viaria".
"Sería mellor aplicar unha política de prevención en seguridade e non centrar todos os esforzos en sancionar", explicou Moldes.
"Estes cartos ben investidos como instalando novas sinalizacións horizontais e verticais, engadindo outros elementos de seguridade e mesmo dotando de novos equipamentos á Policía Local, revertirían na prevención", dixo o voceiro popular.
"É mellor facer políticas de prevención que de sanción. O protagonismo non o poden levar todos os anos as multas. Hai que centrarse na prevención e na seguridade". En caso contrario, advertiu Moldes, "os veciños entenderán que ó Concello de Poio só lle move o afán recadatorio".