O PP desvela que Poio bateu o seu récord de recadación por multas en 2017
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Popular desvelou este luns as cifras de recadación por multas de tráfico impostas polo concello de Poio no pasado exercicio: "139.193,97 euros, o que converte 2017 no ano con máis ingresos para o bipartito neste concepto", afirmaron.
Os populares sinalan que esta cifra supón ademais, un importante desfase de máis de 50.000 euros sobre a previsión recollida polo concello nos orzamentos municipais, de tan só 90.000 euros, unha discrepancia do 55%.
O voceiro popular para asuntos económicos, Juan José Rodríguez Grandal, chamou a atención sobre o elevado da recadación e advertiu que estes desfases entre previsións e ingresos vense agravando nos últimos exercicios.
Segundo o PP, nos últimos cinco anos, a Policía Local impuxo case 600.000 euros en multas de tráfico, un desfase de 200.000 euros e un 50% máis do recollido nos presupostos, o que, a xuízo de Rodríguez Grandal, "deixa en evidencia a falta de rigor das contas do bipartito e a súa incapacidade de facer previsións".
Nos datos detallados por meses, destacan outubro, con máis de 18.000 euros en sancións, e setembro, con máis de 15.000 euros, seguidos de agosto con 14.346,59 euros, febreiro, novembro e xuño, con máis de 12.000 euros recadados en cada un deles. "Chama a atención que nun total de oito meses a recadación superou os 10.000 euros", indicou Rodríguez Grandal.
O popular recordou que, desde 2010, o Concello de Poio leva recadado máis de 800.000 euros en multas de tráfico, pero salientou o "récord" que rompeu o goberno local en 2017, "tanto en recadación como no desfase de 50.000 euros con respecto ás previsións".