Cerdedo-Cotobade aforrará 100.000 euros en telefonía, seguros e asistencias técnicas
Por Alejandro Espiño
Un ano despois de que se anunciase a fusión entre Cerdedo e Cotobade, a situación é de "total normalidade", segundo o presidente da xestora, Jorge Cubela. O maior cambio, sinala, é o aforro que se logrou para as arcas municipais e a posibilidade de ofrecer aos veciños unha maior cantidade de servizos.
Así, Cubela avanzou que nas próximas semanas licitaranse os novos contratos de telefonía, seguros e asistencias técnicas do novo concello. Con este trámite, o Concello espera aforrar uns 100.000 euros.
A este diñeiro súmase, segundo o presidente da xestora, unha das dúas dedicacións exclusivas -a que gozaba o alcalde de Cerdedo-, os 60.000 euros de praza de secretario municipal en Cerdedo, xa amortizada; ou os 40.000 euros aforrados ao asumir o mantemento da iluminación pública con medios propios.
En cuestións orzamentarias, Jorge Cubela destacou que o Concello aprobará moi pronto o orzamento municipal para 2017 que, segundo desvelou, ascenderá aos 4.995.000 euros, "o dobre do que tiñamos os dous concellos xuntos".
Ademais dos datos económicos, a fusión demostrou, engadiu Cubela, que os veciños non perderon servizos, que os centros médicos manteñen o seu ritmo de traballo ou que non hai problemas nos colexios.
"Con feitos é como se fala", destacou o presidente da xestora, que explicou que se están ultimando medidas para dar "máis facilidades" á xente para que vaian a vivir a Cerdedo-Cotobade, que poidan construír unha casa ou que paguen menos impostos que nos concellos do seu ao redor.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade aforra 25.000 euros no servizo informático e no alumeado municipal
Por Redacción |
-
O PSOE pide que se elimine a Conca do Lérez formada por Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade aproba os primeiros orzamentos post fusión, de 5 millóns de euros
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade aforra 40.000 euros no servizo de mantemento do alumeado
Por Redacción |
-
Cubela sinala que a Deputación subíu a partida do Plan Concellos tras estimar o recurso municipal
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade prepara o seu orzamento cun aforro do 32% en cargos políticos
Por Redacción |