Voluntarios retiran o lixo acumulado nas praias de Montalvo e Bascuas
Por Redacción
Unha xornada de limpeza, organizada por Kannior Surf Bar, permitiu que un grupo de voluntarios colaborase na retirada do lixo acumulado, especialmente polos efectos dos recentes temporais, nas praias de Montalvo e Bascuas.
Segundo informou o goberno municipal, os operarios do servizo de limpeza recolleron as numerosas bolsas de lixo, caixas e nasas que estes voluntarios acumularon ao redor dos colectores situados nas inmediacións de ambos os dous areais.
En Montalvo, a limpeza permitiu retirar unha gran cantidade de plásticos, caixas de madeira ou nasas e utensilios de pesca, liberando a praia dos residuos que o temporal e as fortes mareas da pasada semana deixaron depositados na area.
Pola súa banda, na praia de Bascuas os operarios municipais atopáronse coas papeleiras e colectores estaban repletos dos residuos recollidos por estas persoas que, atraídas polo bo tempo, achegáronse ata o areal.
O goberno local agradece a colaboración altruísta da cidadanía en tarefas como esta, xa que o seu apoio contribúe, sinalaron, a que os areais presenten un mellor aspecto.