O polígono de Barro-Meis terá unha gasolineira 'low-cost'
Por Redacción
A empresa "Estación de Servizo Low Cost 2015" acaba de formalizar a compra dunha parcela no polígono de Barro-Meis para a instalación dunha gasolineira de baixo custo.
A operación de compravenda asinouse este xoves e permitirá instalar no polígono unha destas estacións de servizo. Polo de agora, non se coñecen os prazos que se manexan para este proxecto.
O deputado provincial de Patrimonio, Carlos López Font, asinou o acta de venda cos responsables da empresa, que agora xa poderá solicitar ao Concello de Barro as correspondentes licenzas de obra e de actividade.
A empresa disporá dunha parcela de 1.800 metros cadrados no que, segundo o proxecto, vai instalar unha pequena construción para unha tenda e dúas isletas para catro surtidores de combustible e unha marquesiña de cobertura das instalacións. A firma ten un orzamento para a execución material das instalacións de 300.000 euros.
No polígono de Barro, neste momento están vendidas un total de 26 parcelas que suman case que 98.000 metros cadrados. Ademais, no polígono está instalado o viveiro de empresas da Deputación, que ocupa unha parcela de 2.500 metros cadrados, e o centro de apoio empresarial, que tamén ocupa outra parcela de 2.500 metros cadrados.
Dende primeiros do mes pasado están á venda ou cesión de dereitos as 48 parcelas restantes que suman 157.263 metros cadrados. As parcelas teñen distintas superficies comprendidas entre os pouco máis de mil quiñentos metros cadrados ata os máis de seis mil.
As parcelas poden ser adquiridas en propiedade ou coa nova fórmula de constitución dun dereito de superficie, cun mínimo de cinco anos e un máximo de ocupación de 25 anos, e con opción final de compra da mesma parcela.