Proxectan a apertura dunha gasolineira de baixo custo en Salcedo
Por Alejandro Espiño
Pontevedra podería contar pronto coa súa primeira gasolineira de baixo custo. A compañía Petroprix Enerxía, con sede social en Xaén, interesouse por unha parcela situada no lugar de Cabanas (Salcedo) coa intención de abrir nela una destas instalacións. É a mesma empresa que presentou un proxecto para a avenida de Lugo, preto da rotonda de Montecelo.
Segundo explicou a concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, os técnicos municipais trasladaron que eses terreos serían "compatibles" coa actividade dunha estación de servizo destas características, aínda que advertiron que os seus promotores terán que cumprir a esixente normativa autonómica en materia de hidrocarburos.
A edil do BNG non desvelou detalles sobre este proxecto empresarial, salvo que sería unha gasolineira que non tería empregados e os clientes encherían combustible por si mesmos.
Fontes da empresa confirmaron a PontevedraViva o seu interese por abrir unha destas gasolineiras na cidade. Sería a terceira en Galicia, tras a que xa opera en Narón e a que abrirá moi pronto en Carballo. Iso si, aseguran que Pontevedra é só un dos proxectos que se barallan para ampliar a súa rede de estacións de servizo na nosa comunidade.
Petroprix Enerxía xestiona preto de medio centenar de gasolineiras de baixo custo. Segundo explican na súa páxina web, busca facer a reposición de combustible "máis fácil e económica", grazas ao uso da tecnoloxía que permite o servizo non atendido por persoal humano.
Ademais, comprométense a fornecer combustibles de máxima calidade e a ter os prezos máis competitivos do mercado. Así, máis aló dos prezos promocionais cos que inauguran, o custo dos seus carburantes adoita ser uns dez céntimos máis barato por litro que os que se poden adquirir en gasolineiras doutras compañías.
O cliente pode pagar polo combustible mediante cartón de crédito ou con pago telemático. Tamén pode facelo en metálico, pero a través máquinas habilitadas para iso. O control das instalacións, a través de cámaras de seguridade, realizaríase desde Xaén.