O PSOE insta a usar enerxías renovables nas dependencias municipais
Por Redacción
O grupo municipal do PSdG-PSOE en Pontevedra quere que o Concello capitalino fixe como condición no contrato de subministro eléctrico das dependencias municipais que as operadoras deben garantir que a prestación sexa ofertada con enerxía renovable.
Para lograr esta medida e que o Concello adopte medidas para fomentar o uso da enerxía renovable e mellorar a eficiencia enerxética, acaba de presentar unha moción para o seu debate polo pleno da corporación de cara ao inminente vencemento do actual contrato para o subministro de enerxía eléctrica das dependencias municipais.
Os socialistas indican que o contrato está a piques de rematar e xa se está a traballar no novo prego de condicións, de modo que consideran que é o momento oportuno para que Pontevedra "dea exemplo de sustentabilidade".
O voceiro socialista, Tino Fernández, mantén que hai moitas medidas que se poden tomar para facer visible a aposta do Concello pola mellora do medio ambiente e unha desas é fixar como condición no contrato de subministro eléctrico o uso de enerxía renovable. Sostén que é algo que se está a facer xa en moitos concellos de todo o Estado e está a funcionar.
Fernández critica que nos preto de dous anos que leva o actual goberno municipal aínda non materializou ningunha iniciativa en materia de protección ambiental e proponlle unha serie de medidas a adoptar, que pasan por instalar progresivamente nos edificios municipais sistemas de xeración de enerxía renovable destinados a cubrir o autoconsumo ou implementar medidas de aforro e eficiencia enerxética nas súas instalacións.
Adoptar medidas de diversificación enerxética na compra de vehículos, realizar auditorías ambientais en todas as dependencias municipais, tomar as medidas necesarias para garantir que, cando se efectúen reformas importantes en edificios municipais, se mellore a eficiencia enerxética do edificio e asinar o pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía, que asume os obxectivos da UE para o 2030 na loita contra o cambio climático, son outras das propostas socialistas.