Os socialistas reclaman melloras para o barrio do Burgo
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Socialista presentou unha moción para o seu debate no próximo pleno na que insta o goberno municipal a acometer unha serie de melloras no barrio do Burgo.
Entre elas, os concelleiros do PSdeG piden que se incremente o espazo destinado a parque infantil na Praza de Pasarón, ampliando a superficie e o número de xogos cos que conta na actualidade, ademais de reparar ou substituír aqueles que están rotos.
Tamén demandan que se sinalicen os pasos de peóns na rúa Luís Otero para incrementar a seguridade entre o estadio e a Praza de Pasarón.
Outra das peticións que lle exporán ao goberno local é que planifique unha acción integral de mellora e humanización das beirarrúas na rúa Xoán Manuel Pintos e na Avenida de Compostela, entre a ponte sobre o Lérez e a rotonda de Pasarón.
Ademais instan a que se conserve e se limpe de maneira regular a rúa Fernández Cochón e a pasarela peonil que conecta as rúas Leonardo Enríquez e Celso Emilio Ferreiro.
Finalmente, os socialistas animan ao goberno local a que reclame, unha vez máis, do Ministerio de Fomento a cesión integral ao Concello de Pontevedra da totalidade da Avenida de Compostela, entre a rotonda de Pasarón e Médico Ballina, coa fin de acougar o tráfico na zona, humanizar e integrar esta contorna e o barrio do Burgo co campus universitario e o resto da cidade.
Relacionadas:
-
O PP critica o atraso na construción do parque infantil de Médico Ballina
Por Redacción |
-
O PSOE insta a usar enerxías renovables nas dependencias municipais
Por Redacción |
-
Os socialistas queren saber a posición do Concello de Pontevedra sobre os usos do Pazo de Lourizán
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas instan o arranxo da rúa da Santiña
Por Oskar Viéitez |