Medio Ambiente licita por 700.000 euros a construción do centro de recuperación de fauna silvestre en Cotobade
Por Oskar Viéitez
A Consellería do Medio Ambiente licita por un importe de case 700.000 euros a obra de construción do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. O centro está pensado para a recuperación de aves silvestres, pero tamén contará con recursos para o tratamento doutras especies, réptiles e mamíferos especialmente, que se atopen feridos ou enfermos.
O novo centro de recuperación de fauna silvestre constará de dúas instalacións próximas: a primeira edificación, de 286,89 metros cadrados totais, estará destinada á recepción dos animais, tratamento e atención veterinaria; e a segunda, de 554,48 metros cadrados, para a recuperación inicial dos animais e outros servizos necesarios que garantan os coidados durante a súa estancia no centro.
A primeira das instalacións, de recepción e tratamento de animais, terá dúas plantas. Así, na planta baixa situarase unha consulta con zona de raios X, tres UCIs para mamíferos, aves e animais infecciosos, unha estancia para aves exóticas, outra para mudas e, finalmente, unha sala de crías. Tamén, na planta baixa, atoparase a recepción e a oficina de administración, un aseo e a cociña. Pola contra, no primeiro andar, instalaranse dous vestiarios, un almacén e unha sala para o persoal do centro.
Con respecto á segunda instalación, moi próxima ao primeiro edificio, será o lugar onde os animais comecen a súa recuperación. Esta instalación distribuirase en dúas estancias para mamíferos, dez azoreiras, unha sala de cría de roedores, un almacén para alimentos, outro almacén xeral, unha zona de lavado de aves, catro cámaras de voo, catro estancias para aves nocturnas, unha zona de muda e unha sala para necropsias.
A obra, cuxa licitación foi anunciada este mércores no Diario Oficial de Galicia, está previsto executala na parroquia de Carballedo, onde xa está instalado o Centro Ictioxécnico e concluír así o complexo ambiental de Cotobade.
Relacionadas:
-
O centro de recuperación de fauna de Carballedo xa está en construción
Por Redacción |
-
Medio Ambiente adxudicará este mes a construción do centro de fauna silvestre de Carballedo
Por Redacción |
-
Carballedo aspira a ser unha referencia europea no coidado de aves, réptiles e mamíferos
Por Redacción |
-
Marea Veciñal acusa a María Ramallo de antepoñer os seus intereses persoais aos do Concello
Por Oskar Viéitez |
-
Cotobade está a ser "moi ben tratada pola Xunta"
Por Redacción |
-
O traslado a Cotobade do centro de recuperación da fauna silvestre de Cotorredondo, optimización ou despilfarro?
Por Oskar Viéitez |
-
AGE reclama no Parlamento "unha solución satisfactoria" para o parque forestal de Cotorredondo
Por Redacción |
-
Cotobade acollerá un Centro de Recuperación de Fauna Silvestre
Por Oskar Viéitez |