O índice Dyntra sitúa a web municipal de Poio á cola da transparencia en Galicia
Por Oskar Viéitez
A plataforma Dyntra, o mesmo organismo que premiou este mércores ao Concello de Pontevedra pola súa transparencia, sitúa á web de Poio como un dos municipios máis opacos de Galicia.
O índice DAM que elabora esta plataforma colaborativa estuda a información facilitada polos concellos de máis de 15.000 habitantes e avalía 147 indicadores para determinar a transparencia das administracións, dos que Poio só cumpre 17.
Estes datos sitúan a Poio no posto 30 dos 33 concellos galegos estudados e no 220 dos 333 de toda España, moi por debaixo da media. Poio apenas cumpre co 12% dos indicadores de transparencia esixidos polo índice e recibe un 0 na maioría de epígrafes.
Así, os avaliadores apuntan que Poio non publica ningunha información nos apartados de contratos, convenios e subvencións; información contable e orzamentaria; e tampouco dá información sobre retribucións dos altos cargos municipais ou as declaracións de bens e actividades de cargos electos.
Para o Partido Popular, este estudo "é unha confirmación do que levamos denunciando moitos anos e debería levar á reflexión dos responsables municipais: a xestión completamente opaca do bipartito", en palabras do seu voceiro Ángel Moldes.
Moldes recalcou que "hai apenas uns meses que se renovou a web do Concello, e nin cumpre a Lei de Transparencia nin dá ós veciños e ós colectivos a información mínima á que teñen dereito", o que reflicte "unha falta absoluta de vontade do bipartito".
O voceiro recordou que o PP presentou varias mocións e iniciativas para fomentar a transparencia nas actividades do concello, incluídas varias áreas que este estudo puntúa cun cero, como as subvencións ou a contratación, "e o bipartito vota sistemáticamente non, porque non ten o máis mínimo interese en dar información ós cidadáns".
Moldes espera que este correctivo "por parte dun organismo imparcial e acreditado" axude a convencer aos membros do goberno da necesidade de que "a transparencia, despois de máis de 20 anos de opacidade, comece a chegar a Poio".
Relacionadas:
-
O PP pide ao goberno local de Poio que faga públicas as axudas e subvencións
Por Oskar Viéitez |
-
As webs municipais de Pontevedra e A Coruña, premiadas como as máis transparentes de Galicia
Por Redacción |
-
A nova web do Concello de Poio non respecta a toponimia oficial do municipio
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada