A nova web do Concello de Poio non respecta a toponimia oficial do municipio
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A concelleira non adscrita, Silvia Díaz, criticou que a nova web do Concello de Poio contén numerosos erros lingüísticos. Os máis "aberrantes" son os referidos á toponimia das parroquias do municipio: Cueva de Laje, La Iglesia, La Armada, La Barca, El Convento, Coruja, Villanueva, La Zapata, La Iglesia ou La Playa.
Xa o pasado mes de xullo, a concelleira non adscrita Silvia Díaz formulou un rogo á Comisión de Cultura solicitando que o goberno local coidase o uso do galego que se fai desde a administración local. Como resposta ao rogo, a concelleira de Cultura e a concelleira de Deportes e Educación expresaron que o galego "é unha prioridade e que sempre se intenta facer así", pero avanzaron que trasladarían a petición aos demais departamentos.
Con todo, Silvia Díaz sinala que a día de hoxe "cométense numerosos erros lingüísticos e grellas ortográficas nas manifestacións orais, escritas e impresas do Concello de Poio" e cita coma exemplos a colocación do pronome átono, castelanismos, erros coma a J do calendario 2017 que, "se ben non son xustificables, si poden ser explicables por descoido, falta de formación ou descoñecemento da normativa".
Porén a edil lembra que existen numerosos recursos en liña accesibles e totalmente de balde na rede dos que se pode facer uso antes de publicar contidos na páxina web oficial do Concello de Poio. "Cabería incluso botar man do convenio de colaboración que o concello ten asinado coa Mesa de Normalización Lingüística por 1.875 euros anuais para pedir asesoramento e apoio nesta materia, ou ben dos recursos técnicos e de asesoramento do Servizo Lingüístico da Deputación de Pontevedra que foron postos a disposición dos concellos da provincia".
Ademáis deste "reiterado uso deturpado da nosa lingua", Silvia Díaz lamenta que "non se percibe ningún esforzo por parte do goberno local por empregar unha linguaxe inclusiva e non discriminatoria".
"Evidénciase que o goberno local de Poio ocúpase do accesorio mentres descoida o importante" e sinala que o equipo de goberno do BNG e do PSOE está "máis preocupado pola estética que polo contido".
A concelleira non adscrita volverá a elevar un rogo, esta vez a consideración do Pleno da corporación municipal a celebrar o 31 de xaneiro, para que sexan revisados todos os contidos da web municipal e das redes sociais, e exixirá a retirada inmediata dos topónimos deturpados e a súa substitución polos nomes oficiais, conforme ao establecido na lexislación vixente en materia de lingua.
REACCIÓN DO GOBERNO LOCAL
Desde a Concellería de Cultura e Festexos este mesmo sábado comunicaron que os erros detectados na páxina web municipal xa foron rectificados e piden desculpas por este descoido, "que non volverá ocorrer".
Ao mesmo tempo, desde o Concello solicitaron á empresa encargada da mesma que "revisen minuciosamente" todo o contido do web, xa que a causa deste erro viría dada por "un fallo na plataforma utilizada para a súa creación".
Finalmente lamentan que "un erro informático, sexa suficiente para poñer en dúbida o compromiso que o Concello de Poio ten co noso idioma e que leva demostrado ao longo destes 21 anos de goberno".