Plataforma única ata a avenida de Lugo, entre as peticións de Pedaladas ao Rei Mago Miguel Anxo
Por Alejandro Espiño
A falta dos Reis Magos, a asociación Pedaladas atopou no alcalde un 'cómplice' para facer chegas as súas peticións para a cidade de Pontevedra. A Fernández Lores, ao que se dirixen como Rei Mago Miguel Anxo, entregáronlle unha carta na que detallan ata cinco actuacións coas que entenden poderíase mellorar a mobilidade ciclista no municipio.
E unha delas é francamente rechamante. O colectivo ciclista pide que o Concello estude a posibilidade de implantar plataforma única -similar á existente en Michelena ou Riestra- entre Benito Corbal e a avenida de Lugo, onde do mesmo xeito que no centro urbano priorizar a mobilidade peonil e ciclista.
O alcalde, que mostrou receptividade a esta proposta, explicoulle ao portavoz de Pedalada, Quique Pérez, que ata a pasarela do 12 de novembro "xa te digo que si", pero descartou a súa continuidade por Loureiro Crespo.
Fernández Lores avanzou que se completará en sucesivas fases a reforma urbana en Benito Corbal, habilitando a plataforma única ata a nova praza do hospital e, posteriormente, ata as inmediacións da pasarela.
Ademais, Pedaladas reclamou que tamén o espazo privado da cidade camiñe cara á accesibilidade universal e pediron ao Concello siga fomentando esta materia para evitar, por exemplo, que levar un paquete a Correos "non sexa tan complicado" ou que entrar nun restaurante sexa posible para persoas que van en cadeira de rodas.
O colectivo ciclista tamén pide que se mellore a normativa municipal en materia de seguridade viaria ou que se cren as "ciclocalles", que segundo Quique Pérez supoñería poñer bicicletas "impresas" nas zonas polas que poden circular os ciclistas con seguridade, creando unha especie de carrís bici no medio da calzada.
A carta de Pedaladas inclúe tamén a necesidade de crear "biciescolas" para a promoción activa do uso da bicicleta nos colexios e os institutos da cidade e mellorar a conexión sustentable con outros municipios como a vía verde ata Vilaboa, a estrada vella de Marín ou a vía ciclista prevista entre Poio e Combarro.
Relacionadas:
-
RADIO.- Vas ao volante, precédeche un ciclista e hai liña contínua: adiantas?
Por Marisa Ciordia |
-
Ao insti, en bici e seguros
Por Redacción |
-
Mollabao séntese un "barrio marxinal e degradado" e reclama "a calidade urbana" do resto de Pontevedra
Por Redacción |
-
Búscanse activistas contra a violencia viaria
Por Redacción |
-
O Concello tramita a compra dun radar para a Policía Local
Por Redacción |
-
Pedaladas pide que non se usen ós ciclistas como arma no conflito laboral da Policía Local
Por Oskar Viéitez |