Informes técnicos confirman os erros no orzamento da Deputación que denunciou o PP
Por Redacción
Os deputados provinciais do PP de Pontevedra denunciaron hai uns días o "desbaraxuste" das contas provinciais nos que faltaba 1,2 millóns de euros que segundo o bipartito se ían destinar aos concellos.
O documento que o goberno provincial lle entregou aos partidos da oposición reservaba unha partida de 40 millóns de euros para repartir entre os concellos da provincia, exactamente a mesma cantidade que o ano pasado, mentres que falaba durante a sesión plenaria de un reparto de 41,2 millóns de euros.
Os voceiros do PP, Nidia Arévalo e Ángel Moldes, advertiron e insistiron en que as contas non cadraban, e que se estaban falando de "números inventados" que non aparecían no documento entregado. Os populares critican que o bipartito, "lonxe de recoñecer o erro, seguiu adiante co debate da aprobación inicial do orzamento a sabendas que os presupostos estaban modificados".
"Parécenos unha tomadura de pelo e unha chapuza, xogan cos cartos da Deputación ao seu antollo, de forma oscurantista e sen planificación", explica o voceiro popular, Ángel Moldes.
O Partido Popular incluíu esta reclamación nas alegacións aos presupostos e este luns, ata catro informes de diferentes servizos de Deputación danlle a razón ao PP e corrixen e modifican os orzamentos aprobados inicialmente.
Segundo comunica o PP, o informe emitido polo Servizo de Cooperación é do 24 de novembro, un día antes da celebración do pleno "aínda que non se coñece ata hoxe e nel fálase de graves erros que lle afectan á aplicación vinculadas á execución do Plan Concellos 2017". Os outros tres informes dos servizos de Cultura, Cohesión Social e Medio Ambiente "son posteriores á aprobación dos orzamentos e neles tamén se fala de correccións importantes".
"Estes son os erros detectados polo Partido Popular dos que advirten tamén de forma interna os propios funcionarios de Deputación, pero esa falta de concreción e de transparencia é a que está presente en todo o documento, con partidas xenéricas e sen proxectos claros que evidencian moito oscurantismo e sobre todo unha falta de planificación moi chamativa", apuntan os voceiros populares.
Relacionadas:
-
Por fin a Deputación celebra un pleno "normal": aburrido e con agasallos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O PP reclama á Deputación axudas específicas para renovar os campos de herba sintética
Por Redacción |
-
Diálogo e máis financiamento para os concellos, principais alegacións do PP ao orzamento da Deputación
Por Oskar Viéitez |