Diálogo e máis financiamento para os concellos, principais alegacións do PP ao orzamento da Deputación
Por Oskar Viéitez
O grupo provincial do Partido Popular presentou as súas alegacións ao orzamento "falto de ideas" do goberno bipartito da Deputación de Pontevedra.
Nun xantar informativo os deputados populares mostraron publicamente a súa discrepancia coas contas presentadas pola presidenta da administración provincial, Carmela Silva. Aseguran que, atendendo aos documentos que trasladaron á oposición, o Plan Concellos unicamente está dotado con 40 millóns de euros "e non 41,5 como anunciaron".
En todo caso, esta cantidade séguelles resultando "insuficiente" xa que o "cabalo de batalla" do Partido Popular é que se destine aos concellos a cantidade de 60 millóns de euros.
"Aumentar a financiamento é unha necesidade imperiosa", defendeu a portavoz popular, Nidia Arévalo. A alcaldesa de Mos citou o caso da Deputación da Coruña que destina o 43% dos seus fondos aos concellos "mentras que en Pontevedra só é o 26%".
Outra das emendas pretende introducir nas bases de execución dos orzamentos a "obrigatoriedade" de que a Presidenta se reuna cos alcaldes para falar dos fondos que se destinan a cada municipio.
Esta "falta de diálogo" por parte de Carmela Silva, é unha crítica recorrente por parte do PP provincial que pretende conseguir para o próximo ano "que a presidenta tenda a man aos concellos de forma amable", dixo Arévalo.
Outra das emendas ao orzamento elaborado polo PsdeG e o BNG pretende o "desbloqueo de obras que estaban en marcha" en distintos concellos durante o goberno presidido por Rafael Louzán e que quedaron "paralizadas" coa chegada do bipartito, unha decisión na que "os únicos prexudicados son os veciños".
Ademais pedirán que se destinen 10 millóns de euros a plans de emprego e outros 5 máis para bolsas, e que se apoie "aos sectores produtivos, aos colectivos e asociacións, o Museo e ao turismo" onde perciben "falta de intención, gañas e ideas".
Os populares fan balance da xestión realizada pola Deputación de Pontevedra durante este ano e apuntan que "non se lles ve unha dirección clara, nin un referente".
Relacionadas:
-
Unha modificación no orzamento de 14 millóns enfronta o PP co goberno provincial
Por Alejandro Espiño |
-
O PP reclama á Deputación axudas específicas para renovar os campos de herba sintética
Por Redacción |
-
Informes técnicos confirman os erros no orzamento da Deputación que denunciou o PP
Por Redacción |
-
O 2016 foi un "ano fantástico" para a Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Os populares critican que o novo orzamento da Deputación está baleiro de contido
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación presenta un orzamento "profundamente continuista"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |