O 2016 foi un "ano fantástico" para a Deputación
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, valorou o 2016 como un "ano fantástico" no que o goberno provincial executou o proxecto acordado polo Partido Socialista e o BNG co que "fomos capaces de cambiar un modelo que discriminaba aos concellos atendendo a quen gobernaba neles".
"Se eras do Partido Popular tiñas investimentos e simpatías da Deputación provincial e senón tiñas abandono", afirmou Carmela Silva.
"A forma de funcionamento desta administración era vergoñosa", engadiu Carmela Silva respecto ao anterior goberno do Partido Popular, presidido por Rafael Louzán. Ademais de non estar de acordo co proxecto que se desenvolvía por parte do PP, a mandataria socialista afirmou que "todos os proxectos que estaban en marcha tiñan irregularidades", especialmente nos proxectos europeos e citou entre outros exemplos a falta de informes preceptivos, a existencia de modificados "con cartos" ou a repartición discrecional de subvencións.
Carmela Silva espera que "todas esas cuestións que herdamos" acabaranse de resolver na primeira metade do próximo ano.
A "satisfacción" da presidenta co ano 2016 esténdese ás "políticas pensadas para as persoas" que, segundo indicou, impulsa o executivo provincial, sinalando ademais que "esta administración converteuse nun referente en toda España en políticas de igualdade".
Nun xantar informativo cos xornalistas que habitualmente cobren as informacións da Deputación, Carmela Silva tamén fixo repaso nun ton desenfadado, doutras moitas accións do goberno provincial en ámbitos tan diversos como o turismo ou a compostaxe.
"No 2017 imos seguir profundando no noso proxecto de éxito", resumiu Carmela Silva que quixo facer énfase no feito de que "fomos capaces de gobernar dúas forzas políticas con dous proxectos políticos distintos" como son o PSdeG e o Bloque.
"Estamos absolutamente unidos cun proxecto único e trasladándolle á sociedade que se pode gobernar con proxectos políticos distintos se hai unha folla de ruta que se marca e que cumpren todos", destacou Carmela Silva. "Nestes tempos de cambio nos que está tan disperso o voto" e irromperon novas formacións políticas, a presidenta da Deputación de Pontevedra cre "necesario" sinalar esta circunstancia porque "a xente ten que saber que é posible gobernar".
XESTORA SOCIALISTA
Carmela Silva tamén atendeu ás preguntas dos xornalistas sobre a situación do Partido Socialista de Galicia, repetindo a súa coñecida petición de "responsabilidade" á presidenta da xestora galega, Pilar Cancela, para que de "un paso atrás" por levar ao partido a "a nosa desaparición da vida política en Galicia. Non estamos, non dicimos, non propoñemos, non temos presenza".
O próximo ano celebrarase o congreso federal do PSOE e "a partir de aí" en Galicia tamén haberá outra cita congresual na que se elixirá unha nova dirección. "Somos o único partido que pode ser alternativa ao Partido Popular, gústelles ou non ao resto de partidos. A día de hoxe esta é a realidade", afirmou.
"Galicia precisa un PSdeG forte, que teña presenza, un proxecto crible, voces e rostros que a xente identifique e que atenda ao moito que temos que dicir", puntualizou Carmela Silva.
PETICIÓNS AOS REIS MAGOS
Aos Reis Magos a presidenta da Deputación pídelles que a provincia de Pontevedra sexa para o próximo ano un "referente en actividade económica e creación de emprego". Consciente de que o paro é "o maior problema que seguimos tendo" Carmela Silva pediu que esta "preocupación" compartida por todos os cidadáns supérese coa xeración de traballo "con garantías e de calidade".
Persoalmente, os seus desexos, céntranse na súa familia "que é o que máis quero na vida e particularmente o meu fillo", aínda que non pecha a porta a que as Súas Maxestades tráianlle "algunha cousiña material" que deixa "á súa inventiva".
Relacionadas:
-
Pontevedra rexistrou unha ocupación hoteleira do 40% en decembro
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Diálogo e máis financiamento para os concellos, principais alegacións do PP ao orzamento da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
"E tempo de diálogo, de amor de flower power"
Por Oskar Viéitez |
-
O Plan Concellos cambiará para "reequilibrar" a provincia tras anos de "caciquismo" de Louzán
Por Alejandro Espiño |