Converten a súa vivenda nun punto de venda e consumo de drogas
Por Redacción
A Policía Nacional desartellou un activo punto negro de venda de droga nun domicilio de Marín e detivo a dúas persoas que vivían na casa como presuntos autores dun delito de tráfico de drogas por venda de cocaína e heroína a terceiros. A vivenda frecuentábana consumidores de cocaína e heroína, que compraban a droga e tamén a consumían in situ.
A desarticulación foi posible grazas á colaboración cidadá, pois o pasado mes de agosto unha serie de persoas informaron á Brigada Local de Policía Xudicial de Marín das actividades sospeitosas que se estaban realizando nun domicilio de Marín e, tras comprobalo por eles mesmos, déronlle traslado ao grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes de Pontevedra.
Os cidadáns indicaban que no domicilio en cuestión podíase estar a vender droga polo miúdo, actividade que xeraba molestias aos veciños, así como una certa inseguridade na zona pola gran afluencia de persoas alleas á mesma.
As investigacións dos axentes de Marín e Pontevedra permitiron intervir cinco vendas de pequenas cantidades de heroína e cocaína a outros tantos compradores e a constatación de que o domicilio á súa vez era utilizado polos clientes para o consumo das sustancias que adquirían.
Con autorización xudicial, os axentes realizaron un rexistro no domicilio e, unha vez dentro, procederon á detención dos dous supostos 'trapicheros'. Nese momento, estaban a consumir sustancias estupefacientes no salón da casa en compañía dun terceiro.
Durante a práctica do rexistro interviñéronse pequenas cantidades de haxix, heroína, cocaína, marihuana, útiles para a pesada e manipulación das drogas anteriores, sustancias de corte, diñeiro e gran cantidade de teléfonos móbiles, aparellos electrónicos e ferramentas varias.
A investigación continúa aberta e a Policía Nacioanl está a realizar xestións para pescudar a procedencia dos distintos teléfonos móbiles e aparellos electrónicos. Ata o momento constatouse que dous dos teléfonos móbiles figuran como subtraídos e que tiñan tamén unha tablet valorada en 700 euros sobre a que había unha denuncia na Comisaría porque fora subtraída do interior dun vehículo.