É seu algún destes obxectos roubados?
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra e Comisaría Local de Marín, no marco da "Operación Perna" a finais do mes de decembro detiveron dous veciños da localidade de Marín como presuntos autores dun delito de tráfico de drogas.
Segun informaron fontes oficiais da Policía Nacional, tras levar a cabo unha entrada e rexistro no domicilio dos dous investigados interviñéronse pequenas cantidades de haxix, heroína, cocaína e marihuana, así como útiles para a pesada e manipulación das drogas anteriores, ademais dunha importante cantidade de efectos electrónicos e informáticos.
Unha vez cotexados os arquivos informáticos da Dirección Xeral da Policía púidose comprobar como moitos deles constaban como subtraídos e denunciados nas comisarías de Policía de Pontevedra e Marín e mesmo nalgún posto da Garda Civil da provincia, sendo reintegrados aos seus lexítimos propietarios polo menos once destes produtos, fundamentalmente material informático e telefonía móbil.
En canto aos restantes efectos incautados no rexistro non se puido determinar a súa procedencia permanecendo todos eles, a disposición do Xulgado de Instrución un de Marín, nas dependencias policiais da Comisaría Provincial de Pontevedra en calidade de depósito á espera de practicar novas indagacións.
Se vostede recoñece como seu algún destes efectos intervidos e non reintegrados na "Operación Perna" acuda á Comisaría Provincial de Pontevedra para poder recuperalo.