Agora si, xa está aquí o Nadal: chegan Pontexogos e Pontenadal
Non hai Nadal que se prece en Pontevedra que non conte con dous dos eventos que máis interese espertan entre a cidadanía: Pontexogos e Pontenadal. Ambos volverán ser o eixo central da programación de lecer do Concello de Pontevedra nestas festas.
Pontenadal abrirá as súas portas, un ano máis, na praza do Teucro. A feira de artesanía, que impulsan os comerciantes do centro histórico, permanecerá aberta ata o 5 de xaneiro -salvo os días de Nadal e Aninovo-, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.30 horas.
Na súa décimo sexta edición, a feira contará con 33 casetas nas que se poderá atopar coiro, pel, cerámica, pintura, téxtiles, prata, produtos apícolas, complementos de moda, xoguetes de madeira, roupa ecolóxica, peluches térmicos e moitos outros artigos.
Ademais, tamén participarán varias ONG como Alba, Amencer e Solidariedade Internacional.
Case todos os expositores, segundo explicou Miguel Lago, son da provincia de Pontevedra e proceden dos municipios de Pontevedra, Poio, Vigo, Nigrán, Marín, O Grove, Ponte Caldelas, Sanxenxo, Cangas, Vilagarcía, Bueu ou Silleda.
A feira contará tamén con numerosas actividades paralelas como obradoiros, degustacións gastronómicas ou contacontos.
A praza de España, pola súa banda, volverá acoller a carpa de Pontexogos. Iso si, Anabel Gulías adiantou que este ano terá unha formulación totalmente diferente. Ademais das actividades de lecer para os máis pequenos tamén servirá para promocionar o comercio local e para que as familias compartan divertidas experiencias.
Diso encargaranse os animadores da carpa, xa que o proxecto que presentou a empresa Marexada xirará en torno ao Apalpador e os seus amigos. Os nenos poderán percorrer os diferentes espazos a través do conto Que pode saír mal?, que trata de inculcarlles unha visión do Nadal afastada do consumismo destas datas.
Dentro da carpa haberá espazos dedicados a xogos sensoriais, lectura, espectáculos de luz e cor, xogos de sombras e actividades con espellos e fluorescentes, mentres que no exterior instalarase a tradicional tirolina, que este ano amplía a súa distancia ata os 130 metros, e un circuíto xigante de xogos tradicionais.
Pontexogos, que se inaugura este venres, estará aberto ata o 3 de xaneiro en horario de 12.00 a 14.30 horas e de 16.30 a 20.00 horas, tamén excepto Nadal e Aninovo. Ademais, ata que se inicien as vacacións escolares só haberá actividade polas tardes.
Relacionadas:
-
Últimos días para poder visitar PonteNadal na praza do Teucro
Por Redacción |
-
Educación e a Fanpa colaboran nunha ampla oferta de actividades extraescolares para os vindeiros días
Por Redacción |
-
450 metros cadrados de fantasía para toda a familia en Pontexogos
Por Mónica Patxot |
-
Agasallos orixinais e artesanías, xa en 'Pontenadal'
Por Mónica Patxot |
-
As compras de nadal teñen premio no comercio local
Por Redacción |
-
Os Reis Magos de Oriente teñen unha carta para os nenos de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Nadal xa ilumina Pontevedra
Por Mónica Patxot |