O Nadal xa ilumina Pontevedra
Por Mónica Patxot
A Praza da Ferrería xa conta coa súa tradicional árbore de Nadal formado por luces de cores. O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira Carme da Silva foron os encargados de pulsar o mando a distancia que dá inicio a esta época de iluminación do Nadal. Ao acto tamén asistiron outros concelleiros como Anabel Gulías e o popular Rafael Domínguez, que seguiron a actuación folclórica que se desenvolveu con motivo desta celebración.
As principais rúas do centro urbano da cidade e tamén a urbanización de Monte Porreiro conta con iluminación para estas datas, co obxectivo de incrementar a actividade comercial e crear un ambiente adecuado a estes días do Nadal.
Tamén o Pazo Provincial na avenida de Montero Ríos e o Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, lucirán desde este sábado a súa característica iluminación de Nadal. Será a partir das 18.30 horas.