Marea sinala que Pontevedra é o concello de Galicia con menor inversión social
Por Redacción
O recentemente publicado indicador Arope, esgrimido pola Xunta, sitúa o índice de pobreza de Pontevedra case catro puntos por riba da media galega. Para o voceiro de Marea Pontevedra, Luis Rei, "resulta paradoxal que ao mesmo tempo que o concello presume de modelo de cidade as taxas de risco de pobreza e exclusión social aumenten considerablemente".
Para Marea esta situación, xunto coa ausencia de políticas sociais, provoca que numerosas familias teñan dificultades para ver cubertas as necesidades máis básicas.
Esta formación di que Pontevedra non conta con recursos municipais para as persoas sen fogar, como si fan outras cidades cunhas circunstancias similares.
Segundo os datos ofrecidos por Marea, actualmente existen 12 prazas no albergue de Calor e Café e 20 no de Cáritas en Monte Porreiro (con estadías inferiores a 15 días). No tocante á alimentación, o comedor de San Francisco queda pequeno para atender unha demanda cada vez maior, ademais de pechar en domingos e festivos.
En novembro de 2015, o pleno aprobou abrir un comedor alternativo a proposta de Marea Pontevedra "e non é que sigamos igual, é que non se moveu un só dedo para cumprir o acordo", lembra Luis Rei. O mesmo ocorre coa proposta de ampliación das prazas de albergues, presentada en decembro do ano pasado.
"Se ben todo isto é preocupante, a resposta e as explicacións da concelleira de Benestar Social, Carme Fouces, sono aínda máis", afirman. "Que a principal responsable de que todas as persoas da capital de provincia teñan recursos para cubrir as súas necesidades básicas busque escusas baratas como o famoso "efecto chamada" é sinxelamente inadmisible".
Marea Pontevedra pregúntase "se o 'efecto chamada' serán os turistas que veñen gozar dun modelo de cidade que "deixa a máis dunha quinta parte da súa poboación á marxe del". Deste xeito, unha cidade que é exemplo polas súas políticas de "fachada" en países de grandes desigualdades, como China ou Dubai, está dentro dos países desenvolvidos "entre as urbes que salientan pola súa escasa, ou case nula, aposta pola inclusión social".