O premio 'Corazón de pedra' a Pontevedra polo seu baixo gasto social enfrenta a goberno e oposición
Por Alejandro Espiño
Pontevedra é un dos catro concellos galegos que recibiron o premio Corazón de pedra, outorgado pola Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais a aqueles municipios de máis de 20.000 habitantes que son "oficialmente pobres" en investimento social. No caso da cidade do Lérez lamentan que só se destinen 35,75 euros por habitante.
Reciben este tirón de orellas aqueles concellos que destinen a gasto social menos de 36,09 euros por habitante e ano, que é o 60% da media de gasto nesta materia en todos os municipios españois, en base aos datos oficiais que achega o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
Segundo este colectivo, os premiados son concellos "sen alma", xa que son "insensibles" ao sufrimento dos seus conveciños máis necesitados. Cada un deles recibirá un "corazón de pedra", que será remitido a nome do alcalde para que, á hora de elaborar os orzamentos, "lembren a importancia de investir en servizos sociais".
O alcalde de Pontevedra asegurou que "respecta" esta visión, pero engadiu que na cidade aténdese "exquisitamente" ás persoas máis necesitadas. A política social, segundo Miguel Anxo Fernández Lores, "é algo máis amplo que unha partida nun orzamento", xa que, entre outros, non computa como gasto social os convenios con ONG ou entidades sociais.
Fernández Lores defendeu que Pontevedra está a apostar pola política social "máis avanzada" que se está facendo en España, xa que o obxectivo é "sacar a máxima rendibilidade aos cartos dos pontevedreses e facer unha cidade con futuro", levando a cabo unha xestión dos servizos sociais "máis ampla" que outros municipios.
Así, o alcalde explicou que o Concello, sen deixar de lado os servizos sociais ao uso, opta por investir o diñeiro en xerar actividade económica, en promocionar a cidade, en poñer en valor o patrimonio ou en impulsar a actividade deportiva e cultural, xa que todo iso tamén contribúe ao benestar social de todos os cidadáns.
Fronte a esta opción, dixo, hai "grupos de presión" que piden que se invista diñeiro "noutra cousa", algo que considera " absolutamente respectable". En todo caso, Lores avanzou que no Concello de Pontevedra "seguiremos na mesma liña".
CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
A concesión deste incómodo recoñecemento a Pontevedra volveu a desatar as críticas entre a oposición polo que consideran un escaso gasto social por parte do goberno municipal do BNG na cidade do Lérez.
Para Marea, este premio evidencia a necesidade de dar un "xiro social" ao goberno da cidade tras "décadas" de non atender apropiadamente ás persoas "que o están pasando mal". Ante unha situación na que, segundo denuncian, case o 24% dos veciños de Pontevedra viven en situación de exclusión social, o Concello "non pode mirar para outro lado".
Así, Luís Rei asegurou que as propostas que Marea logrou introducir no orzamento municipal, especialmente a creación dunha renda social, axudarán a "cambiar o corazón de pedra por un corazón xusto" e a que Pontevedra "desapareza" desta "nada prestixiosa" lista de concellos cun menor gasto social.
Desde o PP lamentaron tamén que Pontevedra comece 2017 recibindo un premio do que "lamentablemente non podemos sentirnos orgullosos", segundo afirmou Jacobo Moreira. O nivel de investimento social na cidade é "alarmante", segundo os populares, que acusan o goberno de ocultarse tras "escusas" ante a súa "nula implicación" cos problemas sociais.
Pontevedra, lembrou Moreira, non conta con escolas infantís municipais, cunha residencia municipal para maiores, cunha casa de acollida para mulleres vítimas da violencia machista ou cun equipo de inclusión social, "exemplos" para o PP de que o BNG non se preocupa das "necesidades reais" dos pontevedreses.
En Cidadáns, por último, ven "lamentable" a concesión deste premio a Pontevedra, unha cuestión que pon "en tela de xuízo" o traballo do Concello no ámbito social. María Rey asegura que é unha "vergoña" ver á cidade relacionada con este galardón, algo que se debe a que o equipo de goberno "vende fume" en lugar de solucionar este asunto.
Xunto co investimento social, a portavoz de Cidadáns reclama tamén plans de promoción económica e subvencións para os emprendedores, coa fin de ofrecer unha solución laboral a moitas persoas que a día de hoxe están en risco de exclusión social.
Relacionadas:
-
As familias pontevedresas sen ingresos poderán pedir ao Concello unha renda social básica
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A abstención de Marea permite o BNG aprobar o orzamento municipal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Marea sinala que Pontevedra é o concello de Galicia con menor inversión social
Por Redacción |
-
Pontevedra vive un "efecto chamada" coa mendicidade
Por Oskar Viéitez |