Unanimidade política en Bueu para eliminar símbolos franquistas dos espazos públicos
Por Redacción
Os catro partidos políticos con representación no Concello de Bueu levaron a pleno unha proposta conxunta de urxencia sobre a eliminación dos símbolos franquistas dos espazos públicos, que recolle as peticións realizadas por unha moción da Asociación de Amigos de Johán Carballeira e pretende "trasladar a eliminación dos vestixios de todo aquilo que fracturou a sociedade en dous bandos enfrontados".
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, este asunto abordouse no Pleno da Corporación celebrado este mércores, pero fóra da orde do día. Na sesión abordouse, ademais, unha proposta de modificación das ordenanzas fiscais que recolle cambios para varios sectores e que se aprobou cos votos a favor de todos os grupos, excepto do PSOE, que recoñece que a modificación é insuficiente e inferior ao que propuñan dende o seu grupo.
Así, as familias numerosas terán unha bonificación do 95% para o Imposto de Bens Inmobles (IBI) e os vehículos respectuosos co medio ambiente gozarán dunha rebaixa do 75% no Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM).
No Imposto sobre Construcións e Instalacións de Obras (ICIO) proponse unha bonificación para as construcións de especial interese municipal, e que estean no catálogo de bens culturais. Ademais, e en consonancia coa administración electrónica, derrogarase o cobro da emisión de certos documentos, como certificacións, cotexos e fotocopias.
O pleno tamén abordou unha moción do grupo do BNG referente á oposición á LOMCE e ás súas reválidas, que foi aceptada cos votos en contra do PP, que considerou que a proposta non tiña sentido debido a que "está en repouso á espera de concretarse con toda a comunidade educativa".