Bueu estrea catro ordenanzas fiscais, con rebaixas nas taxas para varios colectivos
Por Redacción
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou esta semana a modificación de catro ordenanzas fiscais do Concello de Bueu. Os cambios xa se aprobaran no Pleno da Corporación do mes de novembro cos votos a favor de todos os grupos, excepto do PSOE, pero ata agora non foran efectivas porque faltaba este último trámite oficial.
As ordenanzas modificadas son a número 1, reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles; a 3, relativa ao Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica, a 4, do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras; e a 12, reguladora da Taxa pola Expedición de Documentos Administrativos.
Aínda que as ordenanzas están xa en vigor, a do IBI e a do IVTM estarán efectivas a partir do 2018 posto que se trata de impostos anuais. A de construcións e a da taxas administrativas computarán xa neste ano.
No IBI, as familias numerosas terán unha bonificación do 90% e as cooperativas agrarias e de explotación comunitaria da terra, do 95%. No caso do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), os respectuosos co medio ambiente gozarán dunha rebaixa do 75% e os turismos catalogados como históricos estarán exentos.
No Imposto sobre Construcións e Instalacións de Obras (ICIO) haberá unha bonificación do 95% para as construcións de especial interese municipal, e que estean no catálogo de bens culturais, naturais e paisaxísticos e derrogarase o cobro da emisión de certos documentos, como certificacións, cotexos e fotocopias.