Promoven unha Escola de Igualdade para a mocidade pontevedresa
Por Redacción
O próximo 19 de novembro a 'Escola Municipal de Igualdade para a Mocidade' de Pontevedra celebrará no Pazo da Cultura a súa primeira xornada, un punto de encontro que versará sobre lecer, xénero e mocidade servirá para dar a coñecer e poñer en valor iniciativas que xa se están poñendo en marcha tanto no Concello de Pontevedra como noutros veciños como Ponte Caldelas para avanzar na igualdade entre homes e mulleres xa desde as xeracións máis novas.
O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, explicou este venres que a xornada é gratuíta, pero require inscrición previa. As persoas interesadas en asistir, tan só teñen que rexistrarse nesta ligazón ata o 14 de novembro. Ata o momento hai xa 30 persoas inscritas e non hai límite de prazas ata encher o aforamento dispoñible.
Durante catro horas, entre as 9.30 e as 13.30 horas, converterase nun espazo de intercambio de experiencias onde se falará da necesidade da formación en igualdade de oportunidades, da coordinación dos recursos e experiencias existentes e prestarase especial atención ás actividades de lecer e tempo libre como espazo educativo da mocidade. Non en balde o xerme desta Escola é o programa xuvenil municipal Noites Abertas.
Respecto diso, Demetrio Gómez sostivo que esta xornada é unha especie de 'spin off' de Noites Abertas, pois nos últimos anos un grupo de mozos participantes no programa municipal promoveron actividades baseadas na igualdade e o ano pasado encargáronse da xestión da comisión de igualdade e elaboraron informes sobre cada actividade do programa e como mellorala. Agora, deuse un paso máis na evolución natural deste traballo coa xornada do 19 de novembro.
A xornada incluirá charlas sobre 'Igualdade e Mocidade', 'Xénero, Lecer e Mocidade' e o III Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes do Concello de Pontevedra. Como colofón, unha mesa redonda na que se debullarán iniciativas pola igualdade impulsadas nos institutos de Ponte Caldelas e Luís Seoane de Pontevedra, en Noites Abertas e no Consello da Muller Nova de Pontevedra.