Todos os institutos de Pontevedra contarán cun Consello da Muller Nova para traballar en igualdade
Por Alejandro Espiño
Os expertos aseguran que a mellor forma de previr que no futuro se sigan producindo episodios de violencia machista é traballar na educación dos nenos en igualdade, desde idades temperás. Así, o Concello de Pontevedra decidiu potenciar o Consello da Muller Nova, creando un destes órganos en cada un dos institutos do municipio.
Trátase dun proxecto pioneiro en Galicia que conta coa colaboración da Consellería de Educación, de forma que cada un destes consellos estea dirixido por un orientador ou un docente, acompañando á vintena de alumnos que, como máximo, poderán participar nel.
Os integrantes deste Consello da Muller Nova, tanto mozos como mozas, traballarán co obxectivo de converterse en verdadeiros axentes de igualdade no ámbito da mocidade pontevedresa, segundo explicou a concelleira de Igualdade, Carmen Fouces.
Comezarán a funcionar a partir de setembro e serán os encargados de organizar, en cada centro, unha batería de actividades para concienciar aos seus compañeiros sobre a importancia de loitar contra as desigualdades de xénero e contra a violencia machista.
Trátase, destacou Fouces, dunha das ferramentas "máis potentes" en materia de igualdade a nivel municipal dos próximos anos e defendeu que é unha iniciativa "moi necesaria" que contribuirá a "rebaixar a conflictividade" dos centros, achegando aos seus alumnos unha "visión igualitaria do mundo".
O xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, sinalou que este programa é "básico e fundamental" para a formación dos mozos pontevedreses e agradeceu a disposición dos docentes para colaborar na coordinación da actividade destes consellos que, inicialmente, manterán reunións semanais.
Dous dos alumnos que participan no actual Consello da Muller Nova, Manuel Omil e Sarai Pazos, ambos os do IES Sánchez Cantón, aseguraron estar "moi contentos" de participar nesta iniciativa, que supón unha "oportunidade moi grande" para que os mozos "poñamos a nosa pegada" na loita contra a desigualdade.
Todo este esforzo educativo visibilizarase, ademais das actividades que realice cada un dos institutos, nun congreso que se celebrará en Pontevedra en setembro de 2018.
Relacionadas:
-
Un cento de estudantes integran os Consellos da Muller Nova nos institutos
Por Redacción |
-
O CIFP A Xunqueira, pioneiro en ofertar o ciclo de Promoción de Igualdade de Xénero
Por Oskar Viéitez |
-
O CIM mellora as súas instalacións e trasládase á Casa Azul
Por Redacción |
-
Promoven unha Escola de Igualdade para a mocidade pontevedresa
Por Redacción |