Ten Pontevedra unha boina de contaminación?
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Dióxido de xofre, óxido de nitróxeno, ozono, monóxido de carbono e partículas en suspensión forman parte do que chamamos boina de contaminación. O tráfico é, segundo os expertos, o maior culpable desta situación, que se agrava cando hai circunstancias meteorolóxicas adversas.
É o que está a ocorrer estes días en Madrid onde o Concello decidiu activar as medidas do escenario 2 do protocolo de alta contaminación limitando a velocidade de circulación no interior da M-30 e nas vías de acceso á cidade.
Afortunadamente a situación de Pontevedra non ten punto de comparación e a Boa Vila segue presumindo de ter a mellor calidade do aire de todas as cidades costeiras de Galicia.
Desde o ano 2008 a forma de avaliar a calidade do aire en toda Europa é a mesma.
Os datos a tempo real da cidade do Lérez pódense coñecer na páxina web de Meteogalicia grazas á información que recolle a rede de cabinas de control que dispoñen dun sistema de sensores que proporcionan datos constantemente. Ademais, existe unha estación de titularidade privada, a de Ence en Lourizán.