A capital sufriu sete días con mala calidade do aire en 2012
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ven de publicar o informe anual da calidade do aire en Galicia no que se recollen os datos acumulados da cidade de Pontevedra, cunha cualificación do estado global durante o ano 2012 entre boa e excelente.
Os datos sinalan que na cidade de Pontevedra rexistráronse sete días de índice de calidade do aire malo. A causa destes datos débese a que a media móbil octohoraria do ozono superou os 120 µg/m3 e porque se superou o valor límite para a media diaria de PM10, establecido en 50 µg/m3 que só pode superarse en 35 ocasións ó longo do ano.
Na cidade de Pontevedra o Goberno autonómico está a buscar un novo emprazamento para poder obter unha maior avaliación da calidade do aire da cidade e ter non só as achegas industriais senón tamén as do tráfico e do sector doméstico- residencial. Por este motivo, realizouse un estudo para localizar situacións axeitadas do que se concluíu que a mellor ubicación está en Campolongo.
Os valores foron obtidos a través das catro estacións que conforman a Rede Calidade do Aire na provincia e que a Consellería de Medio Ambiente pon a disposición do público na seguinte páxina web: http://www.meteogalicia.es/Caire.