Animalistas piden ao Concello que os Reis Magos cheguen a Pontevedra sen camelos nin cabalos
Por Oskar Viéitez
O colectivo animalista Touradas fóra de Pontevedra solicitou ao Concello de Pontevedra a "reorganización" das festas do Nadal para que os Reis Magos de Oriente non empreguen animais na súa visita á cidade.
"Rexeitamos a utilización de camelos e cabalos na cabalgata de Reis que organiza cada ano o Concello de Pontevedra", afirman nun comunicado.
Insisten en que "non é necesario usar animais" nesta festa e citan o exemplo doutros municipios que xa adoptaron esta decisión animando a que Pontevedra tamén dea "un paso adiante".
Ademáis critican que non se "xustifica" a presenza de camelos e cabalos nunha cidade declarada libre de circos con animais y suxiren que sexan "substituídos por elementos que figuren cabalos ou camelos como se fai cos dragóns na Feira Franca". Entre outros argumentos apuntan que sería "máis seguro" para as persoas que asisten á cabalgata.
Finalmente, Touradas fóra de Pontevedra destaca que a utilización de animais na cabalgata ten relación co convenio do Concello cos irmáns Lozano, propietarios da praza de touros, que alugan o coso de San Roque para actividades varias organizadas pola corporación municipal e que "revirte indirectamente no negocio taurino".
"Deben buscarse alternativas para calquera actividade que implique o uso de animais e eliminar o convenio xa! ", conclúe o seu escrito.