Nova capa de rodadura para catro camiños de Bueu
Por Redacción
O Concello de Bueu disporá de catro camiños máis asfaltados e en boas condicións de tránsito. Iso é así debido ás obras de pavimentación , que deron comezo este xoves no lugar de A Morada, en Meiro, onde os traballos avanzaron a bo ritmo. Así, agárdase que esta semana queden listos este camiño e máis o de Sar - Cela, ademais dos que se van asfaltar nos vindeiros días, concretamente en As Meáns e O Couto.
A adxudicataria desta obra, con cargo ao Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra, é a empresa Fontefría, cun orzamento de 31.339 euros, no que se inclúen a limpeza e asfaltado destes catro viais que se atopan nunha situación moi delicada.
BIBLIOTECA DE BELUSO
Doutra parte, desde a alcaldía de Bueu anuncian que a partir deste venres a biblioteca de Beluso, sita na Casa do Pobo, volverá a funcionar normalmente, tras un mes de parón debido a que a traballadora que prestaba os servizos tivo que coller unha excedencia.
TALA DE ÁRBORES NO CEMITERIO
Estes días está previsto tamén que se solucionen parte dos problemas que teñen dous cemiterios municipais: o de Bueu e o de Beluso. Así o anunciou o alcalde, quen destacou a tala dunha árbore no de Bueu, a cal se atopa nun proceso de secado importante, e a poda e limpeza das restantes árbores de entrada que están ocasionando molestias nos nichos e panteóns colindantes coas súas pólas.
Pola súa banda, no cemiterio de Beluso, a próxima semana levarase a cabo unha actuación que consistirá na tala de varios eucaliptos de grandes dimensións que se atopan na finca sita ao lado e que se corresponden cunha execución subsidiaria, toda vez que o Concello tentou que a mesma fose realizada polo propietario. Con todo, e ante a imposibilidade de que este atendese o requirimento enviado dende os servizos urbanísticos municipais, o Concello debeu asumir estes traballos, cuxos custes se lle repercutirán ao propietario da finca.
Para ambos traballos, o Concello contratou unha empresa especializada en actuacións de arboristería, cuxo orzamento ascende a preto de 2.000 euros.
Relacionadas:
-
A parroquia de Bueu ten 259 camiños municipais
Por Redacción |
-
Esta semana comezará o asfaltado en Beluso do Camiño da Sobreira
Por Redacción |
-
Poio e Bueu reciben novas achegas da Deputación
Por Redacción |
-
Bueu adxudicará a semana que vén camiño de Meiro - A Portela
Por Redacción |
-
Bueu asfaltará catro camiños cunha subvención da Deputación
Por Redacción |