Esta semana comezará o asfaltado en Beluso do Camiño da Sobreira
Por Redacción
Operarios, baixo a titularidade do Concello de Bueu, asfaltarán durante estes días o Camiño da Sobreira, situado entre o núcleo urbano de Beluso e A Roza. Nesta obra, o goberno local ten previsto acometer un asfaltado completo nunha zona de aproximadamente 350 metros de distancia.
Durante a mañá deste luns o alcalde de Bueu, Félix Juncal e o concelleiro de obras e servizos, Fidel Castro, acompañados polo arquitecto técnico municipal, Alfredo de la Campa, visitaron a zona.
O orzamento para estas obras alcanza os 15.000 euros e será realizada pola empresa Marconsa. Contempla o arranxo cunha capa de tripla rega, un tratamento moi adecuado para camiños rurais semellante ao asfalto que é moi perdurable no tempo.
Ademais, aproveitando unha acometida anterior deixouse lista unha tubaxe para augas pluviais, coa que se pretende solucionar o problema das importantes cantidades de auga que proveñen da cima da ladeira e que alaga continuamente as leiras veciñais.