O Pazo acolle a primeira xornada provincial para persoas ostomizadas 'Ti, teu estoma e a túa familia'
Por Redacción
A Asociación Sociosanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal (Assei) organiza o vindeiro 22 de outubro, con motivo do Día Mundial do Ostomizado -que se celebra o 1 de outubro- a primeira xornada provincial para persoas ostomizadas 'Ti, teu estoma e a túa familia'.
A xornada celebrarase no Pazo da Cultura entre as 10.00 horas e as 19.00 horas e vai dirixida a persoas ostomizadas, os seus coidadores e persoas que teñan interese en informarse sobre o tema. Tamén se proxectará o primeiro documental sobre persoas ostomizadas, Gestos, que se estreou en Madrid o pasado 27 de setembro e conta coa participación dunha estomaterapeuta de Vilagarcía e unha paciente de Pontevedra.
A xornada ten como obxectivos adquirir habilidades e actitudes positivas en relación a diferentes aspectos que afectan ás ostomías e os seus coidados sobre o manexo do seu estoma, desenvolver habilidades de comunicación para saber reaccionar ante os cambios de saúde e anímico dos afectados polas ostomías, dos seus coidadores e familiares e aproximar e visibilizar a realidade destas patoloxías ante a sociedade para deixar de ser discapacidades invisibles.
A inscrición é gratuíta, ata encher aforamento, e ten capacidade para 270 prazas. Durante a xornada contarase con tradutores de signos e montarase un 'photocall' de apoio á campaña 'Pon unha bolsa na túa vida' do grupo Xesto, con bolsas de ostomía para colorear e poñer mensaxes positivas, para que se saquen todos e subilas ao Facebook.
Consulta o programa da xornada na web de Assei. Tamén se pode conseguir máis información a través dos enderezos de correo electrónico digestivo.pontevedra@gmail.com e info@asseii.com e no teléfono 698 191 366 de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.