A moda local volve pisar a rúa Rosalía de Castro
Por Redacción & Mónica Patxot
Rosalía de Castro converteuse este venres no epicentro da moda local. Oito establecementos comerciais do barrio uníronse de novo para organizar a segunda edición do seu desfile na rúa.
Foron moitos os pontevedreses que se achegaron ata un evento que forma parte das actividades de Pontevedra Capital Shopping, o "paraugas promocional" que ofrece o Concello de Pontevedra ao pequeno comercio da cidade. E a chuvia non desluciu o evento.
Por primeira vez, este desfile contou con firmas de roupa infantil, ampliando así a súa oferta.
Nesta segunda edición do desfile -a cuarta se se suman os dous organizados no marco da pasarela Ponmo- participaron Bess, Mepiachi, Quomo, A tenda de Raquel, Marengo, Óptica Revenga, Daniella e A tenda de Kids.
Ademais, o desfile mantivo un dos seus acenos de identidade. Os modelos que subiron á pasarela non eran profesionais, senón xente da rúa e clientes dos establecementos.