E ti, coñécesme?
Por Alejandro Espiño
Os comerciantes da zona monumental propoñen un divertido xogo aos pontevedreses. Coñecemos as súas caras e quen son? Con esa idea puxeron en marcha a campaña Coñécesme?, un proxecto artístico de intervención urbana que busca poñer en valor a cercanía e a proximidade que ofrecen aos seus clientes.
Así, as rúas e prazas da zona vella convertéronse nunha improvisada galería de arte. Nelas colgan retratos fotográficos das persoas que traballan no pequeno comercio da zona monumental de Pontevedra, identificándoos co seu establecemento.
Trátase dunha campaña impulsada por María Díaz, directora da galería About Art, e Patricia Estévez, propietaria de Estrellas y limones, que conta co apoio do Concello de Pontevedra a través da iniciativa Pontevedra Capital Shopping.
"Estou especialmente contenta", sinalou a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, respecto desta campaña. As fotos, realizadas polo pontevedrés Miguel Vidal, "son excepcionais" e reflicten o punto forte deste comercio: "a proximidade dos tendeiros e tendeiras que están á fronte dos negocios da zona".
Lembrou que o centro histórico da cidade caracterízase por ofrecer aos seus visitantes negocios alternativos como estudos de tatuaxes, propostas de concept store ou galerías de arte e establecementos onde se aposta por oficios tradicionais como cesterías, sastrerías, droguerías, ferraxerías ou farmacias.
Neste mesmo sentido, Patricia Estévez destacou que o comercio deste ámbito "necesitaba un impulso" para que os pontevedreses descubran que, ademais da "moi boa" hostalería que existen, conviven comercios tradicionais con propostas "únicas en Galicia". E todo, dando protagonismo aos propios comerciantes.
"Queriamos que fora máis alá dá simple campaña promocional e que fora algo artístico", explicou. Ademais, destacou que desde que o pasado venres comezaron a colocarse as fotos "hai un ruxe ruxe divertido", xa que a xente percorre o centro histórico para descubrir os comercios que non coñecen, e o fan "a través das persoas" que participan na campaña.
Relacionadas:
-
Sete de cada dez empresas que traballan para Promoción Económica son de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Os comerciantes ven "brotes" no centro histórico tras un ano "diferente"
Por Alejandro Espiño |
-
A moda local volve pisar a rúa Rosalía de Castro
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
A Verdura vístese de pasarela de moda nunha nova xornada de Capital Shopping
Por Redacción |
-
Xurxo Souto promociona a berros as compras en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |