O xuízo da rede de Vitriño rematará o vindeiro martes coa declaración da última testemuña
Por Redacción
O vindeiro martes 11 continuará o xuízo contra os dez presuntos integrantes dunha rede de tráfico de droga que operaba desde Vilanova de Arousa, liderada polos irmáns García Santos e por Víctor García Paz, coñecido como Vitriño. A falta dunha testemuña obrigou ao adiamento ata a próxima semana despois de tres xornadas desta vista oral que se desenvolve na Audiencia de Pontevedra. O xuíz José Juan Barreiro convidou os avogados e á Fiscalía que na continuación do xuízo traian xa as conclusións para chegar á súa finalización.
Durante este xoves continuou a declaración por parte de policías da UDYCO, que tiveron que actuar nas diferentes intervencións de venda de droga relacionadas cos implicados, ademais dos peritos da Policía Científica. Un dos peritos ratificou a presenza de pegadas dixitais do dedo anular de Juan Miguel e José Luis García Santos en dous paquetes de cocaína. Os avogados da defensa realizaron preguntas sobre o atraso de dous anos na elaboración do informe pericial. O responsable da Policía Científica indicou que en 2009 produciuse un dobre asasinato en Pontevedra, o das dúas mulleres chinesas, e por ese motivo os recursos centráronse neste caso.
Ao longo desta xornada tamén testificou un mozo detido na peaxe de Santiago portando cocaína que presuntamente procedía dun encontro con integrantes desta rede. O mozo sinalou que só coñecía ao "rubio", José Ángel G. P., de velo nos rallies pero indicou que ningún dos presentes na sala fora o "chaval rubio delgado e pequeniño" que lle pasaba a droga en Cambados.
Entre as penas que se piden para os dez acusados, o fiscal solicita para "Vitriño" catro anos e medio de prisión mentres que Juan Miguel García enfróntase a unha petición de nove anos e o seu irmán José Luis, do mesmo xeito que Rodrigo Coya contan cunha petición de sete anos e medio.
Relacionadas:
-
Condena por narcotráfico para 'Vitriño': catro anos e medio de prisión
Por Redacción |
-
Visto para sentenza o xuízo contra Vitriño e outros nove acusados
Por Oskar Viéitez |
-
Vitriño négase a declarar no xuízo de tráfico de cocaína que, por fin, se iniciou na Audiencia Provincial
Por Redacción |
-
A ausencia de dous maxistrados obriga a suspender, por cuarta vez, o xuízo contra "Vitriño"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |