A ausencia de dous maxistrados obriga a suspender, por cuarta vez, o xuízo contra "Vitriño"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Despois de tres suspensións nos últimos anos, de novo este luns a Audiencia Provincial de Pontevedra volveu suspender o xuízo contra dez persoas por tráfico de drogas, especialmente cocaína, na comarca do Salnés. En total a Fiscalía pide penas que suman 57 anos de cárcere para os dez acusados.
Nesta ocasión suspendeuse ao non ser posible compoñer o tribunal pola ausencia de dous maxistrados.
Lembremos que este proceso iniciouse en 2008 pero distintos incidentes procesuais impediron o seu normal desenvolvemento. A primeira suspensión foi no ano 2014 e a última vez en marzo deste ano, tras petición de máis tempo para poder preparar a defensa dos seus clientes por parte de José Luis Gutiérrez Aranguren, letrado de dous dos acusados, os irmáns de Vilanova de Arousa, Juan Miguel G. S., alias "Juanjo", e José Luis G. S.. A Fiscalía reclama para eles unha pena de nove anos de prisión no caso do primeiro e sete anos e medio no caso do segundo.
Aínda que o máis coñecido dos acusados é Víctor Manuel G. P., alias "Vitriño". O fiscal antidroga, Luís Uriarte, pide catro anos e medio de prisión e unha multa de 60.000 euros. Vitriño xa foi acusado con anterioridade neste Tribunal dos delitos de branqueo e narcotráfico, resultando absolto.
A Sección Segunda da Audiencia reservou a sala durante toda a semana. Espérase que na primeira xornada, que debería celebrarse mañá martes a partir das 10.15 horas, os maxistrados pontevedreses dediquen o arranque do xuízo á resolución das cuestións previas expostas polas defensas.
Como adoita ocorrer neste tipo de casos, os avogados dirixen os seus recursos á obtención da nulidade das escoitas, cuestionan a competencia do xulgado instrutor, neste caso o número 1 de Vilagarcía, ou mesmo expoñen as súas dúbidas sobre a validez das probas xenéticas que obran na causa. A reclamación que ten máis visos de prosperar é a aplicación da circunstancia de dilacións indebidas, xa que os feitos que se xulgan remóntanse a finais de 2008.
A operación foi dirixida pola Unidade de Delincuencia e Crime Organizado da Policía Nacional de Pontevedra ao ter noticias acerca da venda de cocaína e heroína na zona de influencia de Vilagarcía. Foi a través da vixilancia a un grupo de presuntos narcotraficantes cando puideron abortar diversos intercambios de droga e comisáronse dous quilos de cocaína.
Relacionadas:
-
Visto para sentenza o xuízo contra Vitriño e outros nove acusados
Por Oskar Viéitez |
-
O xuízo da rede de Vitriño rematará o vindeiro martes coa declaración da última testemuña
Por Redacción |
-
Vitriño négase a declarar no xuízo de tráfico de cocaína que, por fin, se iniciou na Audiencia Provincial
Por Redacción |
-
A renuncia dun avogado volve obrigar a suspender o xuízo contra dez arousanos por narcotráfico
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
A Audiencia retomará en marzo o xuízo contra dez arousanos por traficar cocaína
Por Redacción |
-
A Audiencia suspende o xuízo contra dez arousanos por traficar cocaína na zona de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Dez arousanos, entre eles 'Vitriño', sentan no banco por traficar cocaína na zona de Vilagarcía
Por Natalia Puga |