Adina traslada as súas reivindicacións ao goberno municipal
Por Redacción
Unha decena de cidadáns, todos eles veciños de Adina, entrevistáronse co alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, e varios dos seus concelleiros para trasladarlles en persoa diferentes demandas de actuacións na súa parroquia.
Durante máis de catro horas, o goberno municipal trasladou o seu despacho á Casa de Cultura de Adina e atendeu aos seus veciños, comprometéndose a estudar as propostas presentadas.
Así, solicitaron a retirada de varios postes de madeira situados na rotonda de Baltar ou o asfaltado dunha pista situada no Fabal, na que o goberno local tratará de realizar unha actuación de mellora o máis axiña posible.
Ata Adina desprazáronse tamén varias integrantes da asociación Neen@s para abordar a cuestión, rexistrada formalmente con anterioridade, de dispoñer dunhas instalacións anexas á Casa de Cultura.
O edil de Urbanismo, Daniel Fernández, comprometeuse a estudar a viabilidade técnica de poder instalar uns módulos prefabricados anexos ás instalacións, que serían de titularidade municipal pero garantindo o uso exclusivo para este colectivo.
Tamén se achegou ata a Casa de Cultura un portavoz da asociación de veciños de Adina, que trasladou ao alcalde algunhas cuestións que abordara xa coa concelleira de Cultura, relativas por exemplo ao uso das instalacións municipais para a organización de diferentes festas, acordando o tipo de actividades que se poden realizar.
Unha demanda recorrente foi tamén a colocación de lombos na estrada, que limiten a velocidade dos vehículos que circulan por ela, un elemento que xa foi solicitado á Deputación Provincial ao ser a titular da estrada que une a PO-504 coa PO-308 atravesando a parroquia.
Gonzalo Pita considera que esta iniciativa busca facilitar o contacto cos cidadáns, permitíndolles trasladar ao goberno local calquera demanda ou iniciativa que lles preocupe e facilitando así unha maior comunicación entre administración e administrados.
Esta atención directa continuará o martes 11 de outubro, de 9.30 a 13 horas, na Casa de Cultura de Bordóns. A continuación será a quenda de Dorrón e Nantes, mentres que en novembro esta acción repetirase en Noalla, Sanxenxo, Vilalonga e Portonovo.