Sanxenxo adxudica por 72.000 euros a ampliación da Casa de Cultura de Adina
Por Redacción
As obras de ampliación da Casa de Cultura de Adina custarán 71.668,30 euros. Esa é a oferta que realizou a empresa que resultou adxudicataria desta actuación, Construcións Balboa y Buceta.
Os traballos serán financiados pola Deputación de Pontevedra con cargo ao Plan Concellos.
Esta intervención, que comezará nos próximos días, dotarán á Casa de Cultura de Adina dun espazo para cafetería-bar, dado que nas instalacións existentes esta estaba incorporada na sala de usos múltiples, producíndose interferencias entre as actividades e esta zona de lecer.
A Casa de Cultura, por tanto, terá unha sala anexa de 78 metros cadrados construídos, cunha entrada totalmente independente, e que contará cun local para cafetería, un aseo e un soportal de acceso.
"Foron moitas as polémicas derivadas da convivencia nesas instalacións dun uso cultural e lúdico con outro comercial, toda vez que ambas estaban nun espacio diáfano sen as separacións necesarias para que se poidan desenvolver as dúas actividades con plenas garantías", explicou o alcalde, Gonzalo Pita.