A CIG denuncia o atraso da xubilación dos tripulantes en buques palangreiros
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O responsable de CIG-Mar, Xabier Aboi, compareceu en rolda de prensa en Pontevedra para denunciar un novo "recorte social" que vai provocar o atraso da xubilación dos tripulantes en buques palangreiros a consecuencia do cambio "arbitrario", por parte das administracións, dos criterios de aplicación dos coeficientes reductores.
Os profesionais do mar teñen uns coeficientes reductores sobre a idade de xubilación en función da penosidad do traballo que lles permiten retirarse antes dos 65 anos. É variable, así no caso das mariscadoras é de 0,10 e para as frotas que operan en augas afastadas como a conxeladora, a bacaladera ou os baleeiros o coeficiente é do 0,40.
Xabier Aboi explicou que o pasado ano "sen falar nin con Deus nin co Diaño", a Dirección Xeral da Mariña Mercante, dependente do Ministerio de Fomento, modificou os coeficientes reductores da frota do palangre ao considerar que estes buques son fresqueros e non conxeladores xa que non superan as mil toneladas nin teñen unha eslora de máis de 70 metros. Isto implica unha rebaixa no coeficiente do 0,40 ao 0,30.
Esta medida afecta a 131 barcos, dos que o 91% son galegos, o que supón máis dun milleiro de mariñeiros afectados dos portos de Marín, A Guarda, Vigo, Ribeira ou A Mariña.
A consecuencia desta medida é o alongamento da vida laboral dos tripulantes dos palangreiros no desenvolvemento dunha actividade catalogada como de alto risco, que esixe, ademais, longas tempadas en augas de terceiros países afastados das súas familias.
Por iso, esixirán á Consellería de Pesca que pida que se manteñan os coeficientes que viñan aplicando ata o momento. A CIG está disposta a chegar aos tribunais, mentres tanto, informará aos afectados das consecuencias desta medida.
Relacionadas:
-
Xabier Aboi sobre o conflito da estiba: "Queren portos onde gañen catro multinacionais de fóra?"
Por Anxo Lourido |
-
O Instituto Social da Mariña recoñece un erro no cálculo da idade de xubilación a mariñeiros
Por Redacción |
-
A CIG pedirá nos plenos que se elimine o atraso da xubilación dos tripulantes de palangreiros e arrastreiros
Por Redacción |
-
Un estudo calcula que o Porto de Marín xera uns 13.000 empregos na comarca
Por Oskar Viéitez |