Xabier Aboi sobre o conflito da estiba: "Queren portos onde gañen catro multinacionais de fóra?"
Por Anxo Lourido
O Goberno de Mariano Rajoy aprobaba este venres o polémico decreto-lei que liberaliza a estiba. Unha reforma que conta coa oposición dos estibadores e que leva a convocatoria dunha folga para partir do 9 de marzo. No Porto de Marín, hai ao redor dunha ducia de estibadores, segundo sinalaba este venres 24 o responsable sindical de CIG, Xabier Aboi, que criticaba esta decisión do Goberno sinalando que o decreto-lei beneficia ás grandes multinacionais.
"Todo o mundo di: que barbaridade é esta?", sinalaba afirmando que o soldo basee dos estibadores non chega a mil euros e que o diñeiro que conseguen a maiores é segundo a súa produtividade, traballando durante fins de semana, tal e como se establecía no convenio aprobado por unanimidade pola patronal recentemente, segundo apuntou o representante do sindicato nacionalista.
"Queren meter garda civís nas grúas, militarizar os portos? Queren portos que funcionen ou queren portos onde gañen catro multinacionais de fóra? Porque hai división entre a patronal. Os empresarios non están dacordo con esta reforma exprés", sentenciou Xabier Aboi
COEFICIENTE REDUCTOR DOS BUQUES CONXELADORES
En relación con outro conflito que afecta os portos de Galicia, a CIG espera que no prazo máximo de dous meses se resolva a situación dos buques palangreiros que non eran considerados como conxeladores polo Ministerio de Pesca e que, por tanto, establecíase unha rebaixa social cun atraso na xubilación dos tripulantes destes buques. O goberno reducira o coeficiente do 0,40 ao 0,30 para os mariñeiros destes palangreiros galegos, mentres que os conxeladores mantiñan o coeficiente reductor do 0,40.
Xabier Aboi, responsable sindical da CIG, sinala que agora o Goberno requiriu aos armadores que trasladen os datos das embarcacións ás Capitanías Marítimas para que se revise se contan con conxeladores. Unha circunstancia que a Aboi resúltalle sorprendente cando, afirma, xa contan con eses datos. Por ese motivo, entende que a decisión inicial de rexeitar aos palangreiros foi "política".
Aboi afirma que 16 buques palangreiros de Marín ven afectados por esta situación dentro das 90 embarcacións de Galicia que contan con conxeladores, a pesar de que o Goberno central non os ten en conta e que o Parlamento galego mira cara a outro lado despois de aprobar unha moción, por parte do PP e de En Marea, na que se manteñen os coeficientes reductores para todas as embarcacións agás para os palangreiros, que se verían obrigados a esperar ata que entre en vigor a normativa europea, a finais de 2018.
Agora, tras a reclamación realizada pola CIG, o Goberno estudará o caso destes buques e, segundo Aboi, "se en dous meses non está solucionado é porque alguén segue bloqueando". Esixe que o Goberno do Estado revise de oficio a todos os tripulantes que presentaron reclamación porque non lle deixan xubilarse a pesar de contar con todos os seus papeis e os seus dereitos, apuntou Aboi, que indicou que hai numerosos casos por esta situación tratándose nos Xulgados do Social.
Relacionadas:
-
Marfrío asina un convenio colectivo con 2.000 euros anuais de salario por encima do sector
Por Oskar Viéitez |
-
Suspéndese a folga da estiba prevista para os días 6 e 8 de marzo
Por Redacción |
-
A CIG pedirá nos plenos que se elimine o atraso da xubilación dos tripulantes de palangreiros e arrastreiros
Por Redacción |
-
A CIG denuncia o atraso da xubilación dos tripulantes en buques palangreiros
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |