Ponte Caldelas eximirá do pago da "viñeta" aos vehículos matriculados a nome de persoas con discapacidade
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas modificará a ordenanza de vehículos de tracción mecánica (IVTM), é dicir o imposto coñecido popularmente como "a viñeta". O pleno ordinario deste xoves incluirá a proposta de aprobación inicial dunha modificación neste texto para facilitar a exención ás persoas con discapacidade. Ademais eliminarao definitivamente para os titulares de automóbiles históricos, cunha antigüidade superior aos 25 anos.
O alcalde, Andrés Díaz, que encabeza o goberno local tripartito formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, subliña que continúa deste xeito a aposta por facilitar as condicións de vida dos veciños e por cumprir o compromiso de reducir a presión fiscal ao máximo, eliminando calquera matiz recadatorio en todo o que depende do Concello.
De feito, o mesmo pleno vai aprobar outra modificación na ordenanza da auga, polo que pasa a ser gratuíta para as persoas en risco de exclusión social e bonificada ao 50% para as familias numerosas, ao tempo que se incrementa o volume subministrado pola cota mínima de servizo. As novas ordenanzas entrarán en vigor o próximo 1 de xaneiro.
O Concello caldelán explica que, ata o de agora, as persoas cunha discapacidade recoñecida oficialmente tiñan que renovar cada dous anos a súa solicitude de exención no IVTM. Na práctica, isto significaba que case o 100% deles esquecían o trámite, polo que acababan recibindo o recibo na casa. Deste xeito, pagaban o imposto cada tres anos, algo que, en opinión do alcalde, "non tiña sentido ningún e que funcionaba como unha verdadeira argucia recadatoria".
Co cambio que se pretende operar agora as persoas con recoñecemento definitivo da discapacidade xa non terán obriga ningunha de renovar a exención do imposto para os vehículos que utilicen para o seu transporte particular. Tan só as persoas con discapacidade recoñecida temporalmente terán que continuar renovando bianualmente.
Por outra banda, a ordenanza exime do pago da "viñeta" aos titulares dos vehículos de máis de 25 anos, que ata o de agora só gozaban dunha bonificación do 50%. A modificación beneficia, por tanto, aos propietarios dos 98 automóbiles históricos que están rexistrados en Ponte Caldelas.