As persoas en risco de exclusión social non pagarán o recibo da auga en Ponte Caldelas
Por Redacción
A nova ordenanza reguladora do servizo de abastecemento da auga beneficiará, segundo informa o goberno local de Ponte Caldelas, aos veciños da vila, especialmente ás persoas que se atopen en risco de exclusión e ás familias numerosas.
Esta nova ordenanza, pendente de aprobación inicial no Pleno que se celebrará durante o vindeiro xoves, cumpre tamén o compromiso asumido polo Concello de Ponte Caldelas de abaratar a auga para todos os veciños. O goberno local sinala que se converterá nun dos municipios coa auga máis barata de toda Galicia, o tramo de consumo cuberto pola cota de servizo pasa dos 10 metros cúbicos actuais aos 18 metros cúbicos mensuais.
Aqueles veciños que consuman ata 18 metros cúbicos só seguirán pasando ao Concello a cota de servizo, que segue situada en 3,84 euros. A partir de aí terán que abonar 40 céntimos por cada metro cúbico/mes adicional.
O equipo de goberno pretende que as novas tarifas entren en vigor o próximo 1 de xaneiro. A elección dos 18 metros cúbicos coincide co cambio de tramo na Xunta de Galicia trimestralmente, o canon de saneamento e o coeficiente de vertedura. Desde o Concello destácase que estes impostos autonómicos cárganse no recibo municipal, do mesmo xeito que o IVE.
O goberno local lembra a todos os veciños que os impostos da Xunta están estimados para fogares de tres membros. Todas aquelas unidades familiares con maior número de integrantes pode ver reducido o seu importe. Para facelo só teñen que pasarse polas oficinas do Concello.
Exímese do pago do recibo da auga ás persoas que reciban a Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) ou unha prestación equivalente. Para obter este beneficio é necesario estar empadroado no Concello e solicitar unha subministración de ata 18 metros cúbicos mensuais de forma totalmente gratuíta. A exención é por seis meses con posibilidade de prorrogala. As familias numerosas obterán unha bonificación do 50%.
O comercio local e a pequena hostalería tamén se verán beneficiados co aumento do tramo cuberto pola cota de servizo de 10 a 18 metros cúbicos mensuais. As actividades industriais e as empresas asentadas no polígono industrial da Reigosa non experimentarán cambios nas súas tarifas.