Os mellores petiscos regresan a Ponte Caldelas en decembro con Caldelas Tapas Quentes
Por Redacción
Tras o éxito do Caldelas Tapas o pasado mes de xullo, un novo certame gastronómico chegará proximamente a Ponte Caldelas. Trátase do Caldelas Tapas Quentes, que permitirá aos veciños e aos visitantes da vila repetir esta experiencia, deseñada para o impulso da hostalería local, nas noites dos cinco venres que terá o mes de decembro.
O goberno municipal mantivo xa un encontro cos hostaleiros caldeláns na que se aproveitou para facer balance deste ano e comezar a deseñar o próximo.
Os hostaleiros subliñaron o acerto do Caldelas Tapas e a Festa da Emigración, que xeraron un gran impacto económico no sector. Segundo os cálculos municipais, realizados a partir dos pratos vendidos entre ambos eventos, movéronse por enriba dos 65.000 euros.
A esta cifra, explicou Andrés Díaz, hai que engadir os ingresos que xeran indirectamente os distintos actos lúdicos e deportivos organizados polo Concello ao longo do ano.
O Caldelas Tapas Quentes repite o formato exitoso do seu irmán do verán. Os clientes terán oportunidade de saborear un prato e unha bebida básica a un prezo de 2,50 euros. Haberá un díptico coa identificación dos locais e das tapas e os clientes que logren cubrir todos os cadros co selo do local participarán no sorteo final.
Por outra banda, a xuntanza serviu tamén para pulir aspectos de cara á segunda edición da Festa Gastronómica do Emigrante, un evento que superou todas as expectativas.
O principal cambio chega co comezo na noite do venres e o remate na tarde do domingo, adaptándose así á demanda. Haberá máis participación, pois xa hai restaurantes de comida portuguesa interesados en entrar. E tamén maior capacidade, posto que as mil cadeiras colocadas este verán na Alameda quedaron escasas. Ao mesmo tempo, acordouse que toda a oferta gastronómica deberá estar, forzosamente, ao prezo único de 5 euros.
Relacionadas:
-
Os cociñeiros Pepe Solla, Sergio Orge e Rubén González xa teñen gañador do "Caldelas Tapas Quentes"
Por Redacción |
-
O Caldelas Tapas Quentes comeza con doce establecementos a concurso
Por Redacción |
-
A cervexería Alameda gaña o segundo concurso Caldelas Tapas
Por Redacción |
-
Caldelas Tapas superou as 6.000 unidades vendidas e xerou un movemento económico de 15.000 euros
Por Redacción |
-
Cinco mil unidades vendidas nun Caldelas Tapas que entra na súa recta final
Por Redacción |